O pasado 15 de setembro cumpríanse cincuenta anos do primeiro partido disputado polo RC Celta nunha competición europea, un Celta-Aberdeen da Copa da UEFA no estadio de Balaídos. Once protagonistas daquela fazaña volveron reunirse sobre o céspede do estadio vigués para recibir o recoñecemento do club e a afección celeste.
Lezcano, Juan, Fernández Amado, Doblas, Manolo, Soto, Rivera, Luís Villar, Dolfi, Rodilla e Santi Castro recibiron de mans da directiva do RC Celta unha camiseta conmemorativas cos seus nomes futbolísticos e o número 71, o ano da estrea europea. A afección céltica, como non podía ser doutra maneira, dedicou unha gran e emotiva ovación a este grupo de auténticas lendas.