Mediante este comunicado, o RC Celta quere volver deixar meridianamente clara a súa posición sobre a reforma do Estadio de Abanca Balaídos. O RC Celta mostrou en numerosas ocasións a súa desconformidade pola forma na que se está tramitando a reforma, manifestada inicialmente de maneira privada e posteriormente, á vista de que non se buscaba ningunha solución, de forma pública, Entre outras deficiencias, o club denunciou a inexistencia de ascensores, a ausencia dun tellado que protexese do sol e da choiva, a insuficiente distancia de asentos nas bancadas, os baños, as inundacións dos vestiarios, o incumprimento dos prazos etc.
Á exposición destas denuncias algúns lle chaman “obstrucionismo”, o RC Celta entende que é simplemente ofrecer a súa opinión en defensa dos intereses dos seus abonados e afeccionados. O club buscaba unicamente un estadio á altura da cidade e da afección, e para iso, á vista da situación e dos feitos, propuxo distintas fórmulas que foron refugadas de maneira sistemática.
No día de onte, o alcalde de Vigo comunicou a través dos medios de comunicación que só son 368 os asentos de Río Baixo que causarán incomodidades e que se vai a dar unha solución, unha comunicación que non se axusta á realidade.
Esta mesma mañá, o club realizou medicións en 1771 asentos de Río Baixo e, a falta de medir o resto dos asentos, a media de separación entre as filas é de 18,69 centímetros, notoriamente insuficiente para garantir a comodidade exixible. O valor máis alto achado é de 24 centímetros e o máis baixo de 12,60.
Para pór estas medidas en perspectiva realizouse unha comparativa coas outras bancadas:
Distancia media entre asentos | |
Tribuna Baixa | 32,31 cm |
Tribuna Alta | 28,53 cm |
Río Baixo | 18,69 |
Río Alto | 24,11 |
Río Alto ten unha altura de asentos 15 centímetros superior a Río Baixo, polo que os xeonllos evitan o contacto co respaldo dianteiro, sendo igualmente manifestamente incómodo, como así se manifestou en diversas ocasións polo club.
Na Bancada de Río Baixo non se atopou ningún valor superior ao límite mínimo recomendado por FIFA, pero ademais ningún valor é maior que o mínimo de Tribuna Alta, bancada de construción antiga e de difícil encaixe.
A única bancada que cumpre cos estándares de comodidade nos asentos foi a que remodelou e pagou na súa integridade o Real Club Celta de Vigo SAD, Tribuna Baixa, realizada en tempo e forma, e a día de hoxe a única bancada completa, con baños e accesos, completamente nova.