
O Celta acompañou este martes á Peña Celtista de Arbo, a máis antiga do club, na celebración do seu 40º aniversario, unha data moi especial para unha peña que leva catro décadas compartindo e transmitindo a súa paixón polo Celta.
Ao encontro asistiron a presidenta do club, Marián Mouriño; Yoel Lago, xogador do primeiro equipo; Pablo Meixús, capitán do Celta Fortuna; Lara Martínez, capitá de As Celtas; e Vlado Gudelj, lenda celeste, que acompañaron a todos os peñistas nunha xornada de celebración.
Durante o acto, Marián Mouriño fixo entrega á peña dunha camiseta conmemorativa deste aniversario. Mentres, tanto xogadores como presidenta puideron compartir unha tarde chea de moitas historias, risos, autógrafos e fotos como recordo dunha data tan especial.
Deste xeito, o Celta quere trasladar o seu agradecemento a todos os membros da Peña Celtista de Arbo por estes 40 anos de compromiso e fidelidade. Grazas por manter vivo o sentimento celeste xeración tras xeración. Por moitos anos máis, celtistas!
Sempre Celta!
