Carlos Mouriño Atanes, presidente do RC Celta desde 2006, pon punto e final á súa longa e emblemática etapa á fronte da entidade celeste. Dezasete anos nos que o RC Celta viviu unha transformación sen igual, un proceso de crecemento e profesionalización durante o que se alcanzaron innumerables fitos para a historia do club.
O xa expresidente céltico despídese deixando un legado indeleble sobre o que se sustentará o RC Celta do futuro: doce tempadas consecutivas no máis alto do fútbol español, o segundo mellor rexistro histórico do equipo vigués; un proxecto baseado na canteira que enorgullece ao celtismo e que impulsou, anos tras ano, xogadores da casa de primeiro nivel; o saneamento económico do club, un arduo labor que levou ao RC Celta desde o proceso concursal ata unha solidez financeira que é referencia no mundo do deporte; e a creación de patrimonio propio para o club, un logro no que destacan o edificio da Sede e a Cidade Deportiva Afouteza, pezas crave para dotar de aínda máis consistencia ao futuro celeste.
Foi unha xestión chea de raciocinio e paixón a partes iguais, unha etapa que, con total seguridade, será lembrada como clave na historia do club e que merece un recoñecemento. Por iso, durante a celebración da Xunta Xeral de Accionistas, propúxose o nomeamento de Carlos Mouriño como presidente de honra da entidade, unha homenaxe que supón o broche final á súa traxectoria á fronte do RC Celta.
O traballo realizado por Mouriño durante estes dezasete anos foi posible grazas ao apoio e compromiso dun consello de administración que tamén se despide da xestión do club, un órgano de goberno que na súa última etapa estivo formado por cinco conselleiros e conselleiras que merecen todo o agradecemento da familia celtista: Ricardo Barros (vicepresidente primeiro), Pedro Posada (vicepresidente segundo), Primitivo Ferro (conselleiro), Carmen Avendaño (conselleira), María José Táboas (conselleiras) e Fernando Rodilla (conselleiro).