
O Celta e Hummel completan a colección oficial para a tempada 2026/27 co lanzamento do terceiro equipamento. Unha peza que pon o broche final a unha colección concibida de forma integral, entendida como un único proxecto de deseño e non como un conxunto de pezas independentes. Unha proposta construída ao redor dunha mesma identidade visual e unha paleta cromática compartida por todas as liñas de xogo, adestramento e paseo.
O vermello convértese no gran protagonista desta terceira camiseta, combinado cun deseño xeométrico de rombos en celeste e azul mariño que percorre o frontal da peza. Unha proposta de inspiración retro, reinterpretada desde unha linguaxe contemporánea, que achega personalidade a un equipamento concibido para ocupar un lugar diferencial dentro da colección.
O tecido con brillo e textura rugosa dan ese toque vintage á peza que ademais conta con detalles exclusivos. O escudo bordado gaña protagonismo nun deseño que pon a identidade do club no centro. Na caluga da peza incorpórase de forma sutil o ano de fundación do club nos rombos como unha chiscadela á historia da entidade celeste. Un recurso discreto que enriquece o deseño e achega un novo nivel de detalle, mantendo a limpeza e o equilibrio estético.

Con este lanzamento, o club culmina unha colección caracterizada pola coherencia entre todas as súas pezas. O celeste, o azul mariño, o vermello e a branco crema conforman un mesmo universo cromático que dá continuidade aos equipamentos de xogo e ás liñas de adestramento e paseo, mostrando unha identidade reconocible dentro e fóra do terreo de xogo.
Unha colección deseñada cunha mirada máis próxima aos códigos actuais do deseño e a moda, sen renunciar á esencia que define ao Celta. O terceiro equipamento estará dispoñible desde este domingo ás 20:00h. na tenda en liña oficial do club, tenda.celta.gal, e desde a apertura do luns, ás 10:00h, nas tendas oficiais de A Sede e Abanca Balaídos. Como no resto da colección, os celtistas desfrutarán dun 10% de desconto realizando a compra coa mesma dirección de correo electrónico coa que figuran rexistrados como celtistas.
Ademais, con motivo da recente conquista do Mundial por parte de Borja Iglesias, o club mantén activa a campaña de personalización gratuíta co nome do dianteiro en todas as camisetas oficiais da tempada 2026/27 ata o 2 de agosto, incluída esta nova terceira equipación. Un recoñecemento a un momento histórico para o celtismo e unha oportunidade para que os afeccionados luzan a camiseta do noso campión do mundo.