Captura
O Club

O Celta e Mos avanzan na ampliación do vial que conecta Celta360 co núcleo de Cela

RC Celta

Marián Mouriño e Nidia Arévalo asinaron no Concello de Mos o convenio que permitirá avanzar na redacción do proxecto e na dispoñibilidade dos terreos necesarios para a actuación

O Celta e o Concello de Mos deron hoxe un novo paso para facer realidade a ampliación do vial que conecta o ámbito de Celta360, a Factoría do Deporte Galego, co núcleo de Cela. A presidenta do Celta, Marián Mouriño, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron no Concello o convenio que establece a colaboración entre as dúas partes para impulsar esta actuación.

O acordo permitirá avanzar na redacción do proxecto e na obtención dos terreos necesarios para executar a mellora do vial no Camiño do Monte do Coto, unha actuación que contribuirá a mellorar a conexión entre Celta360 e Cela e as condicións de circulación nesta contorna.

Segundo o convenio asinado, o Celta será o encargado de redactar o proxecto de mellora do sistema local viario e de presentalo ante o Concello de Mos para a súa correspondente tramitación e aprobación. Así mesmo, o club aboará ao Concello de Mos 635.934 euros, correspondentes á monetización do 10 % do aproveitamento urbanístico que lle corresponde á Administración municipal dentro do ámbito de Celta360.

Este importe será incorporado ao Patrimonio Municipal do Solo e destinado polo Concello á actuación viaria prevista no convenio.

Pola súa banda, o Concello de Mos asumirá os trámites necesarios para garantir a dispoñibilidade dos terreos e será responsable da contratación e execución das obras que queden fóra do ámbito do Proxecto de Interese Autonómico. Unha vez finalizada a actuación, o mantemento e a conservación do vial corresponderán igualmente ao Concello.

A sinatura deste convenio permite avanzar no procedemento necesario para a obtención dos terreos destinados á ampliación do vial, de acordo coas condicións establecidas coas persoas propietarias afectadas. A actuación permitirá mellorar a conexión viaria entre Celta360 e Cela e favorecerá tamén as condicións de acceso e circulación para os veciños da zona.

Un novo paso no desenvolvemento de Celta360

A colaboración entre o Celta e o Concello de Mos supón un novo avance no desenvolvemento das infraestruturas vinculadas a Celta360 e na mellora da súa conexión coa contorna.

O convenio contempla tamén a creación dunha comisión de seguimento integrada por dous representantes do Concello de Mos e dous do Celta, que se encargará de supervisar o cumprimento dos compromisos adquiridos polas dúas partes.

O acordo terá unha duración inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga por períodos anuais ata un máximo doutros catro anos.

 

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas