O Celta e o Concello do Carballiño unimos forzas para dar forma a un proxecto que pon en valor un dos nosos grandes patrimonios: a tradición do pulpo á feira e, sobre todo, o oficio dos pulpeiros e pulpeiras.
Celta Media, produtora audiovisual do club celeste, foi elixida polo concello carballiñés para desenvolver un documental no marco do seu PSTD (Plan de Sostibilidade Turística en Destino). Unha peza que ensalzará o labor artesanal e tradicional de pulpeiros e pulpeiras, pero tamén a gran conexión histórica que esta vila ourensá garda co Celta.
Máis de vinte xornadas de traballo, doce profesionais implicados e diversas voces celestes e carballiñesas dan forma a “O Carballiño: pulpo á feira, sangue Celta”, un documental que continúa a liña de contidos iniciada polo club nos últimos tempos, con exemplos como “A Cor do Entroido” ou “Heroes do Sil”, coa que reforza a súa aposta pola cultura e identidade galegas.
O Museo da Fábrica de Papel do Carballiño acolleu a presentación do balance final do PSTD do concello ourensá, proxecto que durante máis de dous anos contribuíu a impulsar a conservación, modernización e promoción do patrimonio natural, cultural e gastronómico do municipio, e no que se enmarca a produción audiovisual do Celta.
O acto contou coas intervencións do director de infraestruturas e relacións institucionais do Celta, Carlos Cao; o responsable de contidos do club, André Taboada; o alcalde do Concello do Carballiño, Pepe Castro; o concelleiro de turismo, Manuel Dacal; e o socio consultor de EOSA, empresa xestora do plan, Adolfo Neira.Durante o encontro, Carlos Cao destacou que “estamos inmersos nun proxecto de club que resalte a nosa identidade. Esta produción foi especial porque atopamos vínculos e conexións entre o Celta e O Carballiño que non imaxinaramos”. Pola súa banda, André Taboada subliñou que o documental “non só vai ensalzar o oficio e o seu sacrificio e tradición, senón tamén a relación da vila co Celta e os moitos paralelismos que existen entre a historia do pulpo á feira do Carballiño e a do club”.
Con iniciativas coma esta, a entidade celeste segue a amosar o seu compromiso co patrimonio, a cultura e a identidade de Galicia. Porque defender o que somos é a forma máis auténtica de seguir medrando.
