O proxecto foi recoñecido na categoría de ‘BREEAM ES Urbanismo’ durante o Encontro Anual de Asesores da organización
O Celta foi galardoado na III Edición dos Premios BREEAM ES, ao obter o máximo recoñecemento na categoría BREEAM ES Urbanismo polo desenvolvemento do seu novo complexo de infraestruturas, Celta360. O galardón entregouse no marco do encontro anual de asesores e especialistas en certificación ESG da organización. María Luisa Guerra, enxeñeira industrial responsable das instalacións do Celta, acudiu en representación da entidade celeste para recoller esta distinción, que premia o compromiso do club co desenvolvemento urbano sostible e a excelencia construtiva.

Un modelo urbanístico singular e sostible
O proxecto Celta360 propón un modelo de cidade deportiva cun enfoque integral e diferencial no ámbito do urbanismo sostible. Este recoñecemento chega tras o fito acadado en setembro de 2025, cando o Celta anunciou que o proxecto Celta360 conseguira a certificación BREEAM Urbanismo, converténdose no primeiro club de fútbol do mundo en obter este selo técnico específico para proxectos urbanísticos. Entre os seus eixos vertebradores destacan:
- Sostibilidade ambiental e integración: Convivencia harmónica entre a natureza, a xestión eficiente da auga e a eficiencia enerxética.
- Impacto social e mobilidade: Fomento da mobilidade sostible e creación dun espazo concibido para a comunidade e o deporte de alto rendemento.
- Flexibilidade e visión por fases: Utilización da metodoloxía BREEAM como marco estratéxico para tomar decisións sólidas en cada etapa do desenvolvemento.
Liderado e traballo en equipo
O xurado valorou a visión estratéxica e o liderado do Celta á hora de integrar, desde a fase inicial de deseño, os máis altos estándares ambientais. Para acadar este logro, o club contou co traballo conxunto de aliados estratéxicos no proxecto, como CBRE, Turner & Townsend e Urbanplan.
Con este recoñecemento, o Celta consolida a súa posición como un club de referencia a nivel nacional e internacional en materia de sostibilidade (ESG), apostando por infraestruturas de vangarda que xeran un impacto positivo e duradeiro na súa contorna.

