O 9 de maio marcará un fito na historia do club e no corazón do celtismo, ao fusionar a paixón polo fútbol e un novo capítulo cheo de significado, coa presentación do proxecto feminino do RC Celta. A Madroa, terreo onde nacen as lendas celestes, será mañá o escenario dunha celebración única na que o club espera contar co apoio de toda a afección.
A partir das 18:30h, o campo de céspede natural da Madroa, situado na parte inferior das instalacións deportivas, abrirá as súas portas ao celtismo. Ás 19:30h comezará o evento, conducido pola presentadora galega Noelia Rey, quen guiará a todos os presentes a través dun emocionante percorrido polos piares fundamentais deste proxecto.
Para facilitar a asistencia de todos os que desexen sumarse a esta celebración, dispoñeranse lanzadeiras para ir e volver desde Abanca Balaidos ata A Madroa (sairán da chaira de Tribuna a partir das 18:00h e comezarán a volver ao Estadio ás 20:30h), asegurando que ninguén se perda un momento tan significativo para o club e o celtismo nesta tempada centenaria.
Vémonos, afección!