pia
Novas club

O RC Celta emprende unha nova era: O Consello da Xunta declara á CD Afouteza – GS360 como Proxecto de Interese Autonómico

RC Celta

Un último paso para poder dar o primeiro. O Consello da Xunta de Galicia aprobou esta mañá de maneira definitiva o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de Cidade Deportiva Afouteza – GS360, cuxas obras comezarán de maneira inmediata. Este trámite supón a culminación dun proceso iniciado hai dous anos polo RC Celta para revolucionar a industria do deporte galego e impulsar o crecemento do club, que con esta actuación logrará potenciar e fortalecer a súa canteira e posicionarse como un referente na formación académica e deportiva a nivel internacional.

Durante estes dous anos, o RC Celta traballou de maneira intensa, en estreita colaboración e co apoio da administración autonómica dada a importancia estratéxica do proxecto para Galicia, co obxectivo de cumprir de maneira exemplar coas esixencias establecidas para recibir a catalogación do Proxecto de Interese Autonómico, con especial coidado na protección do medioambiente e dos mananciais e balsas de auga na súa contorna ou no seu ecosistema natural (bosque autóctono e augas), unha tarefa que propiciou un histórico acordo coa Mancomunidade de Montes de Tameiga.

O proxecto supoñerá un antes e un despois na historia do RC Celta e do deporte galego. CD Afouteza – GS360 contempla a construción dun mini estadio para 4000 espectadores, 5 novos campos de adestramento para os equipos xuvenís e cadetes de RC Celta e As Celtas, Centro de Formación, onde se impartirán ciclos universitarios e de FP en materias relacionadas coa saúde e o deporte, unha residencia para os xogadores da canteira e de Academys e para estudantes, unha zona de restauración para dar servizo ao complexo e un hotel para visitantes, deportistas e participantes nos eventos de carácter académico, cultural e social que se organicen. A infraestrutura culminará con dúas zonas dedicadas a clínica deportiva e innovación no deporte.

Cidade Deportiva Afouteza – GS360 inclúe, en definitiva, laboratorios de investigación, cultura, lecer, turismo deportivo, medicina deportiva, instalacións para a práctica de todos os deportes etc. Unha firme aposta para o beneficio do deporte galego e para capitalizar o incansable traballo que fan as federacións e clubs deportivos de forma individual.

O RC Celta quere agradecerlle á Xunta de Galicia o seu apoio e para poder desenvolver un proxecto que impulsará o deporte galego e o crecemento do club, que coa Cidade deportiva Afouteza – GS360 afronta un ilusionante futuro con novas expectativas.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas