06112024_INTERNACIONAIS_1 16-9
O Club

O RC Celta pecha o ano con 18 internacionais

RC Celta

O RC Celta pecha o ano, e a primeira parte desta tempada 24/25, sumando un total de 18 celestes con axendas internacionais. Foron tres os paróns FIFA que se produciron ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro, nos que estes foron os xogadores do RC Celta convocados cos seus diferentes combinados nacionais:

PARÓN FIFA DE SETEMBRO

No primeiro parón da tempada, o seleccionar español, Luís de la Fuente, incluía ao celeste, Óscar Mingueza, na axenda da Selección Española Absoluta para disputar os encontros correspondentes á fase de grupos da liga das Nacións ante Serbia e Suíza. Ademais, o canteirán, Damián Rodríguez, entraba na convocatoria da Sub-21 para disputar a fase de clasificación para o Europeo de Eslovaquia de 2025.

Ademais, neste primeiro parón da tempada, cumpriron cos seus compromisos internacionais os xogadores do primeiro equipo: Tasos Douvikas (Grecia), Carl Starfelt (Suecia), Luca da Torre (EE. UU.) e Ilaix Moriba (Guinea). Por outra banda, desde a canteira celeste foron convocados coa Selección Española: Hugo Chamadoira (Sub-15), Iago Barreiros (Sub-17), Andrés Antañón (Sub-18) e Óscar Marcos (Sub-19). Aos que se suman as convocatorias de: Ianis Târbă (Romanía Sub-19) e Emi Rodríguez (México Sub-23).

PARÓN FIFA DE OUTUBRO

En outubro, Hugo Álvarez era convocado por primeira vez coa Selección Española Sub-21 para disputar a fase de clasificación para a Eurocopa de Eslovaquia 2025 ante Casaquistán e Malta. Á do canteirán sumáronse novamente as convocatorias de Óscar Mingueza, Tasos Douvikas e Williot Swedberg que, este último, viaxou coa Selección de Suecia Sub-21.

Da canteira celeste destacar a primeira convocatoria de David Sueiro coa Selección Española Sub-15 que se unía aos xa internacionais: Iago Barreiros, Hugo Chamadoira, Andrés Antañón, Óscar Marcos, Ianis Târbă e Emi Rodríguez.

Por outra banda, Camila Pescatore, xogadora do primeiro equipo de As Celtas, foi convocada coa Vinotinto Feminina, Selección de Venezuela, para disputar os encontros ante Tailandia e México.

PARÓN FIFA DE NOVEMBRO

O canteirán, Hugo Sotelo, recibía a súa primeira chamada internacional para unirse á Selección Española Sub-21 baixo os mandos de Santi Denia nos amigables ante Inglaterra, o venres ás 18:30h, e ante Dinamarca, o vindeiro martes ás 20:45h.

Unha convocatoria á que se suman os compromisos internacionais de:

Óscar Mingueza que disputará as últimas xornadas da Fase de Clasificación da liga das Nacións ante Dinamarca, o venres ás 20:45h, e ante Suíza, o vindeiro martes ás 20:45h.
Tasos Douvikas medirase ante Inglaterra este xoves ás 20:45h e ante Finlandia o domingo ás 18:00h.
Carl Starfelt disputará os encontros ante Eslovaquia, o sábado ás 20:45h., e ante Acerbaixán, o vindeiro martes ás 20:45h.

Da canteira celeste, Óscar Marcos suma unha nova convocatoria coa Selección Española Sub-19 que disputará o minitorneo de clasificación para o Campionato de Europa en Pristina. O combinado nacional xa disputou o seu primeiro encontro ante as Illas Feroe e agora enfrontaranse a Kósovo, o sábado ás 15:00h, e ante Austria, o vindeiro martes ás 12:00h.

Por outra banda, Ianis Târbă enfrontarase co seu combinado nacional a Recúplica Checa, mañá ás 15:00h, ante Portugal, o sábado ás 12:00h, e ante Polonia o martes ás 11:00h.

En total son 18 os xogadores celestes que ao longo deste inicio de tempada enfrontáronse a diferentes compromisos internacionais. Uns datos que destacan a calidade dos xogadores do primeiro equipo celeste e subliñan as habilidades da canteira do club. Algo do que o RC Celta non pode estar máis orgulloso. Orgullo de contar con referentes internacionais que defenden as súas cores e levan o nome, os valores e as raíces do Celta polo mundo. Un recoñecemento ao club polo traballo ben feito e a cada un dos nosos celestes por destacar con paixón, entrega e constancia na súa desempeño todas as fins de semana. Sodes o orgullo dun club, dunha comunidade e de todas e cada unha das nacións ás que pertencedes.

Parabéns, internacionais!

RC Celta

Etiquetas

Novas club Novas destacadas O Club

Noticias recomendadas