O RC Celta dá un paso de xigante cara a un futuro esperanzador e ilusionante. O Concello de Mos aprobou esta tarde a licenza de obra que posibilitará o arranque real e inmediato na parroquia de Pereiras da cidade deportiva celeste, un proxecto absolutamente necesario para o desenvolvemento e mellora das condicións de traballo diarias tanto do primeiro equipo como da canteira.
Tras completar a tala e limpeza da zona, as obras de construción dos dous primeiros campos de céspede natural e a primeira fase da edificación necesaria para garantir os servizos adecuados comezarán de xeito inmediato. A obras foron adxudicadas a unha empresa cento por cento galega, Francisco Gómez e Cía.
O proxecto, obra de Irisarri e Piñera, para a cidade deportiva do RC Celta destaca sobre todo polo seu máximo respecto co medioambiente e pola súa sobrada capacidade para satisfacer de xeito brillante as necesidades tanto da canteira como do primeiro equipo.
A innovadora cidade deportiva do RC Celta en Mos contará, entre outras dotacións, con oito terreos de xogo (catro naturais e catro artificiais), zona de tecnificación, zona de praia para rehabilitación e outras actividades, estadio con capacidade mínima para 4.000 espectadores, pistas de pádel e tenis, piscina, residencia, cafetería-restaurante, tenda do club, universidade do deporte, pavillón deportivo multiusos e ximnasios.