20210906_FOTOGRAFÍASNEGOCIOSSEDE-59
O Club

O RC Celta ultima o seu Organigrama Corporativo para potenciar a conexión coa comunidade desde a súa Área Celtista, consistencia económica e crecemento local e global

RC Celta

O RC Celta continúa traballando na elaboración do novo organigrama do club, unha das tarefas clave que iniciou Marián Mouriño á súa chegada á presidencia. Esta ampla remodelación avanza cara á súa fase final coa incorporación de Alfredo Alcántara como director de Operacións e Negocio e o regreso á entidade celeste de Juan Capeáns como responsable de Retail. Tras a chegada de Alfredo Alcántara, Carlos Cao asume a dirección da área de Infraestruturas e de GS360 e mantén o seu labor á fronte de Relacións Institucionais. Tamén se incorpora Sonia García á Dirección Financeira e de Recursos Humanos.

Ademais, dada a importancia nesta nova etapa da conexión coa comunidade, a atención ao celtismo e a relación con toda a contorna, David González foi nomeado director da nova Área Celtista, que inclúe relación con todos os afeccionados celtistas, peñas e ticketing. Pola súa banda, José Carlos Bastos, ata a data xefe de prensa, é o novo responsable de Relacións cos Medios de Comunicación.

Alfredo Alcántara, fillo dun histórico traballador do club, moi coñecido e apreciado pola súa bonhomía e gran labor co filial no campo de Barreiro, posúe unha ampla experiencia como director de Operacións, cargo que desempeñou con notable éxito en diversas empresas como Delikia, Grupo Ibersol de Restauración Multimarca e Vidisco.

Pola súa banda, Juan Capeáns procede de Mango, onde foi manager de proxectos globais, e desenvolveu a súa carreira profesional en firmas como Bimba e Lola e Ivoox, InQBarna e o propio RC Celta. Foi ademais profesor de estratexia dixital, ecommerce e mobile márketing en La Salle.

Sonia García, directora financeira e de RRHH do RC Celta, posúe unha ampla experiencia no ámbito da xestión económica. Licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Vigo e Master Executive MBA pola Escola de Negocios Afundación de IESIDE, foi, entre outras funcións, directora de administración de Grupo Copo, directora financeira da División Granito de Cupa Group e directora financeira de Kauman.

Esta profunda remodelación iniciouse hai uns meses coa chegada de José Gainzarain como CEO Corportivo do RCCV.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas