
O Celta e Podoactiva renovan o seu acordo de colaboración, polo que a compañía continuará sendo o servizo de podoloxía, biomecánica e proteccións deportivas do club, reforzando a súa aposta conxunta pola innovación e polo coidado integral dos xogadores.
Grazas a esta alianza, o club seguirá contando con solucións especializadas para a análise biomecánica, o estudo da pisada e a elaboración de soportes plantares. O acordo inclúe a fabricación de proteccións deportivas personalizadas (caneleiras, máscaras, etc.) a través de Younext Sport Protection, a división de biotecnoloxía de Podoactiva. Estas ferramentas permiten adaptar os recursos ás necesidades de cada futbolista e contribuír á prevención de lesións e ao coidado da súa saúde.
A colaboración baséase na experiencia e na tecnoloxía de Podoactiva, así como no traballo coordinado cos profesionais médicos do club, co obxectivo de ofrecer unha atención individualizada e responder ás esixencias do fútbol de alto nivel.
Natalia García, responsable de Podoactiva Vigo, destaca a importancia de dar continuidade a esta colaboración: “Para nós é unha satisfacción seguir traballando xunto ao Celta e contribuír ao coidado dos seus xogadores. A combinación de tecnoloxía, coñecementos especializados e traballo en equipo permítenos ofrecer solucións adaptadas ás necesidades de cada deportista”.
Pola súa banda, Juan José García Cota, xefe dos servizos médicos do Celta, sinala: “Contar un ano máis co apoio de Podoactiva permítenos seguir avanzando no seguimento biomecánico dos futbolistas e na adaptación dos soportes plantares e das proteccións ás súas necesidades. É unha colaboración que achega valor ao traballo diario dos servizos médicos e ao coidado dos xogadores”.
Con esta renovación, ambas as entidades dan continuidade a un proxecto común que combina coñecementos médicos, tecnoloxía e innovación ao servizo do deportista, reafirmando o seu compromiso co benestar e co rendemento dos futbolistas do Celta.