O RC Celta foi nomeado na categoría de “Mellor acción de branding” da IX edición dos Premios Paraugas por “Non pode ser máis de aquí”, campaña baseada na presentación da camiseta para a tempada 2024/25. Nela, o equipo non só deu a coñecer o primeiro equipamento deste curso, senón que tamén realizou unha oda aos piares do Celta, ás súas raíces e á súa identidade galega. Os vídeos que acompañaron esta presentación, imaxes dos concellos de Galicia sobre o himno ‘Oliveira dos Cen Anos’ cantado a capela e o spot protagonizado por xogadores celestes en A Mina, converteron esta acción nun relato que uniu á afección co plantel, un lazo que sinalou, unha vez máis, o vínculo irrompible entre club e celtismo.
A introdución de Hummel como novo patrocinador técnico do Celta tamén marcou un fito importante nesta campaña. A camiseta, que inclúe os 313 concellos de Galicia, foi a carta de presentación da nova era do club con Hummel, unha carta baseada nas raíces que conectou directamente co corazón do Celta: o celtismo. E isto viuse reflectido na resposta da afección celeste. A campaña superou as expectativas, alcanzando máis de 13 millóns de visualizacións e logrando vender máis de 1.000 unidades en tempo récord.
Para o RC Celta é toda unha honra ser recoñecido polos Premios Paraugas, uns galardóns galegos, de aquí, que celebran proxectos innovadores en áreas como a comunicación, o márketing e a publicidade. Este nomeamento non só é un recoñecemento ao esforzo e a creatividade do club, senón tamén á forza do celtismo, que apoiou con entusiasmo esta proposta desde o seu lanzamento.
Este logro é un reflexo do traballo realizado por e para a afección, polo que é unha alegría que esta edición dos Premios Paraugas, que terá lugar o próximo 22 de novembro en Ferrol, convide o público a participar como xurado a través dun premio especial votado pola audiencia. Un voto en liña co que celtismo pode seguir protagonizando esta campaña e sumarse a esta celebración da identidade galega. Un galardón para vós, por superar sempre as nosas expectativas, e un recordatorio do que significa ser parte desta gran familia. O Celta, máis que nunca, “non pode ser máis de aquí”.