20260219_PAOKvsCELTA_Aficion
Celtismo

O Celta abre o proceso de solicitude de entradas para o partido ante o Celtic FC

RC Celta

Os celtistas xa poden prepararse para unha nova cita europea, xa que teñen á súa disposición a opción de entrar no Portal do Celtista para solicitar unha entrada para o encontro correspondente á Xornada 3 de competición continental fronte ao Celtic FC, que se disputará o vindeiro 22 de outubro ás 21:00h. (20:00h. hora local) no histórico Celtic Park de Glasgow.

A adxudicación das entradas realizarase mediante o sistema habitual da Área Celtista, combinando criterios de antigüidade e sorteo, e desenvolverase en dúas fases diferenciadas en función do tipo de localidade dispoñible que ofreceu o Celtic.

Tipos de localidades

Para este encontro, o Celtic habilitou dúas categorías de entradas:

Entradas con visibilidade normal: 35€
Entradas con certa visibilidade reducida: 32€

Primeira fase: localidades de visibilidade normal

En primeiro lugar, abrirase o prazo de prerreserva para as entradas de visibilidade normal.

Unha vez finalizado o período de inscrición, levarase a cabo o correspondente proceso de adxudicación entre todas as persoas solicitantes. As persoas que resulten agraciadas disporán posteriormente dun prazo de 48 horas para efectuar o pagamento e formalizar a compra da entrada.

Inicio da prerreserva: xoves 24/09 ás 12:00h.
Fin da prerreserva: luns 28/09 ás 10:00h.

Segunda fase: localidades con certa visibilidade reducida

Tras completarse a primeira fase e só no caso de que haxa máis solicitudes que entradas dispoñibles de visibilidade normal, abrirase un novo período de prerreserva para as localidades con certa visibilidade reducida.

As persoas afeccionadas que obtivesen unha entrada durante a primeira convocatoria non poderán participar neste segundo proceso.

Así mesmo, calquera inscrición realizada por unha persoa que xa dispoña dunha entrada adxudicada será anulada automaticamente, sen dereito á devolución dos 5 € aboado en concepto de prerreserva.

Inicio da prerreserva: luns 28/09 ás 12:00h.
Fin da prerreserva: mércores 30/09 ás 12:00h.

Sistema de adxudicación

A distribución das localidades seguirá o modelo habitual establecido pola Área Celtista:

75 % das entradas por antigüidade media ou individual (en función da solicitude)
25 % das entradas mediante sorteo

O resultado do proceso será comunicado por correo electrónico ás persoas participantes nos dous procesos.

Información importante

As entradas son persoais e intransferibles e só poden ser utilizadas pola persoa titular do carné celtista. Por este motivo, tanto o Celta durante o proceso de compra ou entrega das entradas (pendente de confirmar o formato das entradas e o método de entrega), como o persoal do Celtic no acceso ao estadio, poderán solicitar a identificación ou calquera documento acreditativo que xustifique a viaxe da persoa titular da entrada.

No caso de que os datos da persoa asistente non coincidan cos facilitados durante a adquisición da entrada, a organización poderá denegar tanto a validez da localidade como o acceso ao recinto.

Por último, lembramos a todos os celtistas que para esta viaxe será necesario levar o pasaporte e o certificado ETA, ambos en vigor e coa documentación ao día.

Acompaña o Celta en Glasgow e anima o equipo desde as bancadas de Celtic Park nunha nova noite europea!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas