Na última previa da tempada mesturaranse o aroma especial da despedida e o inconfundible sabor de ‘A Nosa Reconquista’. O Celta recibe o sábado ao Rayo Vallecano co dobre obxectivo de certificar a permanencia e compracer a unha afección que se erixiu en peza fundamental do rexurdir celeste no tramo final da tempada.
Todos os afeccionados que queiran gozar por última vez do sabor, son e cor de ‘A Nosa Reconquista’ poderán acceder desde as 16.30 horas e ata as 18.45 horas ao interior da Bancada Siareiros a través da porta 16 de Río Baixo. Para acceder á bancada non será necesario carné nin entrada para o encontro.
Nese singular espazo agardaralles un DJ que acenderá o ambiente coa música que de maneira habitual soa no estadio e, ademais, os afeccionados celestes poderán gozar de maneira gratuíta de ‘choripanes’ e cervexa (ata final de existencias).
Tras estas iniciativas do club na Bancada Siareiros terá lugar un espectacular recibimento ao equipo organizado polas peñas a partir das 18.45 horas. Despois, equipo e afección afrontarán o reto de garantir que, por oitava tempada consecutiva, o RC Celta xogará en Primeira División.