ESCUDO-1300x400-01
Primeiro Equipo

O frío e a neve non evitan o triunfo celeste ante o Alavés (1-2)

RC Celta

O RC Celta sumou unha importante vitoria por 1-2 en Mendizorroza ante o Deportivo Alavés no partido correspondente á décimo quinta xornada de LaLiga. Tras unha primeira parte igualada, na que os celestes se adiantaron no marcador, Iago Aspas daría o triunfo ao RC Celta no ecuador dunha segunda metade na que os de Eduardo Coudet foron mellores.

O partido non podía empezar mellor para os intereses célticos, que se adiantaban no marcador por medio de Santi Mina. Kevin atopou ao canteirán celeste, quen disparou con forza e o balón, repelido por Pacheco, acabaría no fondo das mallas. A alegría non durou moito tempo, pois dez minutos despois chegaría a igualada tras un centro de Edgar por banda esquerda que remataría Joselu a gol.

Con igualdade de forzas tras os primeiros 45 minutos, a neve e o frío foron protagonistas tras unha continuación na que, ademais, o Alavés enviaba un balón ao pau esquerdo da portería defendida por Dituro por medio de Loum. Con todo, co paso dos minutos o RC Celta comezaría a coller maior peso no partido, unha melloría que se vería reflectida co 1-2. Penalti por mans de Martín que executaría Iago Aspas desde os once metros e, tras a parada de Pacheco, o dianteiro moañés remacharía o rexeite para certificar o gol.

Un resultado que defendería o RC Celta con firmeza, tesón e garra para sumar un triunfo e levantarse ata os 16 puntos. Tras esta vitoria, os celestes iniciarán a súa participación copeira o vindeiro martes 30 de novembro ás 21:00 na Romareda.

FICHA TÉCNICA

1 – DEPORTIVO ALAVÉS: Pacheco; Martín, Lejeune, Laguardia, Rubén Duarte (Sylla, min. 88); Pere Pons (Guidetti, min. 78), Toni Moya (Manu García, min. 78), Loum (Tomás Pina, min. 78), Luis Rioja; Edgar, Joselu.

2 – RC CELTA: Dituro; Kevin, Aidoo, Araújo, Javi Galán; Fran Beltrán, Brais Méndez (Solari, min. 56), Denis Suárez (Tapia, min. 56), Nolito (Cervi, min. 46); Iago Aspas, Santi Mina (Galhardo, min. 66).

Goles: Santi Mina (0-1, min. 10); Joselu (1-1, min. 21); Iago Aspas (1-2, min. 69).

Árbitro: González Fuertes, do colexio asturiano. Amonestou a Rubén Duarte, Lejeune e Martín, do Deportivo Alavés, e a Brais Méndez e Renato Tapia, do RC Celta.

Campo: Mendizorroza.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas