Ao RC Celta, superior durante gran parte do partido, escorregáronselle os puntos en San Mamés no último suspiro. Os de Rafa Benítez conseguiron estar por diante no marcador en dúas ocasións, pero o Athletic Club non perdoou ningunha das súas oportunidades (4-3).
O encontro comezou con dominio celeste e nos minutos iniciais foron varios as visitas de Iago Aspas pola portería de Unai Simón. Ata que, no ecuador da primeira metade, unha medida rosca do moañés inauguraría o luminoso da Catedral e o seu marcador persoal desta tempada. Con todo Sancet tiña outros plans, e en conexión con Nico Williams, devolveu o xogo ao momento de partida marcando o gol do empate. Aínda seguían celebrando os locais, cando Bamba, tras un rexeite na frontal, afundiu o esférico no fondo da rede. Parecía que os celestes se irían ao descanso con vantaxe, pero Guruzeta, de novo aliado co pequeno dos Williams, anotou no desconto outro tanto para devolver as táboas.
A montaña rusa continuaría na segunda metade. Guruzeta, co ánimo subido, volvería culminar marcando nada máis saír de vestiarios. Pero os galegos non querían voar a casa cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha, e tras un intento de igualada que se desestimou por fóra de xogo, Larsen conseguiu coar o balón pola meta dos leóns no 66′.
Preto estiveron os tres puntos de viaxar a Vigo cando no 72′ o colexiado pitou un penalti a favor do Celta que terminaría detendo Unai Simón. Non o faría Alex Berenguer, quen tamén tivo a oportunidade de tirar desde os 11 metros no último segundo do desconto e marcaría o tanto da vitoria para o Athletic.
Os de Rafa Benítez despídense así da décimo terceira xornada de LALIGA EA SPORTS. O próximo encontro do RC Celta será o sábado 25 de novembro ás 16:15 h fronte ao Valencia CF.
FICHA TÉCNICA
4 – Athletic Club: Unai Simón, De Marcos, Dani Vivian, Aitor Paredes, Iñigo Lekue; Mikel Vesga (Dani García 68′), Iñigo Ruiz de Galarreta; Iñaki Williams (Berenguer 80′), Oihan Sancet (Unai Gómez 85′), Nico Williams; e Gorka Guruzeta (Raúl García 80′).
3 – RC Celta: Vicente Guaita; Kevin Vázquez, Unai Núñez, Carl Starfelt, Manu Sánchez, Óscar Mingueza; Fran Beltrán (De la Torre 68′), Carlos Dotor; Jonathan Bamba (Cervi 84′), Iago Aspas e Jørgen Strand Larsen (Douvikas 89′).
Árbitro: Pulido Santana. Amonestou aos locais Unai Simón e Raúl García e ao visitante Iago Aspas.
Goles: 0-1, min.25: Iago Aspas. 1-1, min.37: Sancet. 1-2, min.41: Bamba. 2-2, min.50+: Guruzeta. 3-2, min.52: Guruzeta. 3-3, min.66: Larsen. 4-3, min.98: Berenguer (penalti).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 13 de LaLiga celebrado no Estadio de San Mamés.