
Tras unha tempada histórica de regreso á UEFA Europa League, o Celta repite consecutivamente en competición europea. Volven a música das grandes noites de fútbol, as viaxes e ese formigueo que só Europa sabe provocar, a recompensa a todo un ano de traballo.
O sorteo celebrado este venres 28 de agosto en Mónaco desvelou os nomes dos oito rivais desta nova aventura continental. O azar quixo que os celestes se enfronten, do bombo 1, á Juventus de Turín en Abanca Balaídos e ao Olympique de Marsella a domicilio; do bombo 2, ao Union St Gilloise na casa e ao Celtic FC fóra; do bombo 3, ao AFC Bournemouth en Vigo e ao AC Omonia Nicosia fóra; e do bombo 4, ao Lillestrøm SK no templo celeste e ao Hapoel Be’er Sheva lonxe da casa.
O primeiro desafío europeo chegará o 16 ou o 17 de setembro, á espera do calendario completo, que a UEFA poderá facer público desde agora ata o vindeiro domingo 30 de agosto. A fase de liga constará de oito xornadas, catro en Balaídos e catro fóra, e rematará o 28 de xaneiro. Os oito primeiros clasificados pasarán directamente a oitavos de final, mentres que do noveno ao vixésimo cuarto posto disputarán un playoff previo. O camiño remata o 26 de maio de 2027 en Frankfurt.
Quentade motores, celtistas, porque comeza o que seguro será unha competición europea para o recordo.