XVA00570
Primeiro Equipo

Cruel final en Abanca Balaídos | RC Celta 0 – 1 Atlético de Madrid

RC Celta

Duro final para o RC Celta na sétima xornada de LALIGA EA SPORTS disputada en Abanca Balaídos ante o Atlético de Madrid. Os de Claudio Giráldez foron superiores durante todo o partido pero no minuto final a sorte deulles as costas e o conxunto branquivermello terminouse levando os tres puntos.

No encontro no que Iago Aspas sumaba 500 partidos oficiais co RC Celta, os celestes saltaron ao terreo de xogo con garra e conseguiron encerrar a un Atlético de Madrid que non era capaz de frear as continuas arremetidas do conxunto local. A primeira ocasión do partido tívoa Williot aos dez minutos, tras un centro de Sergio Carreira que lle gañou a batalla pola banda a Giuliano, pero finalmente o balón íase demasiado cruzado. Unha primeira metade de moita intensidade e con continuas chegadas do Celta á portería dun Atlético de Madrid que vía como pasaba o tempo e non eran capaces de xerar ningunha acción de perigo. No minuto 42, Abanca Balaídos levantábase das súas butacas cun disparo envelenado de Iago Aspas desde a frontal da área, que ía ajustadísimo ao pau pero, que no último segundo, Oblak conseguía desviar.

A segunda parte do encontro foi unha continuación da intensidade da primeira, os de Claudio Giráldez tiñan claro que non ían baixar os brazos e así foi. Dez minutos despois do inicio, o porteiro branquivermello volveu atallar un cabezazo de Borja Iglesias que, no minuto 74, volvería tentar de chilena. Presionaban unha e outra vez o celestes pero non conseguían bater ao gardameta esloveno. A dez minutos do final do partido, chegaría a primeira arremetida do Atlético de Madrid, un disparo de Riquelme que atrapaba Guaita. A piques de pitar o árbitro o asubío final, un centro de Griezmann, desde o costado dereito, caíalle a Julián Álvarez dentro da área para marcar o gol da vitoria branquivermella.

Duro e cruel final do partido para un RC Celta que mereceu máis sendo moi superior ao rival e xerando numerosas ocasións para gañar un encontro que se decidía no último minuto.

FICHA TÉCNICA: 

0 – RC Celta: Vicente Guaita; Javier Manquillo (Javi Rodríguez, min.70), Carl Starfelt, Marcos Alonso; Sergio Carreira, Hugo Sotelo (Damián Rodríguez, min.84), Fran Beltrán, Hugo Álvarez; Iago Aspas (Ilaix Moriba, min.84), Williot Swedberg (Alfon, min.70) e Borja Iglesias (Tasos Douvikas, min.76).
1 – Atlético de Madrid: Oblak; Le Normand, Giménez, Reinildo; Molina (Correa, min. 84), Llorente, Koke (Julián Álvarez, min. 53), Gallagher, Giuliano (Riquelme, min. 64); Sørloth (De paul, min. 64) e Griezmann.

Goles: 0-1, min.89; Julián Álvarez.
Árbitro: García Verdura (Comité catalán). Amoestou con tarxeta amarela a Starfelt (min.33) e Javi Rodríguez (min. 91) por parte do RC Celta, e a Reinildo (min. 38) e a Giménez (min. 77) por parte do Atlético de Madrid.
Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio de Abanca Balaídos ante 21.533 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas