
O Celta e o Cádiz CF chegaron a un acordo para a cesión de Damián Rodríguez para a tempada 2026/27. Deste xeito, o centrocampista afrontará un novo reto deportivo no Novo Mirandilla, onde continuará a súa evolución tras unha primeira experiencia a préstamo no Racing de Santander durante a segunda metade do pasado curso.
Formado integramente na Madroa, Damián percorreu cada unha das categorías da Canteira ata facerse un oco no primeiro equipo, un camiño cheo de constancia e moito traballo que lle permitiu disputar un total de 29 partidos oficiais co Celta entre LaLiga, Copa do Rey e UEFA Europa League. Agora, seguirá sumando experiencia nunha categoría moi esixente como LaLiga Hypermotion.
O destino quixo, ademais, que a súa estrea coa camiseta do Cádiz CF teña un significado moi especial. Damián enfrontarase na primeira xornada oficial do campionato ao Celta Fortuna, un partido que supoñerá o histórico debut do filial celeste en Segunda División.
O Celta quere desexarlle a maior das sortes ao canteirán nesta nova etapa que seguro será unha boa oportunidade para seguir crecendo tanto dentro como fóra do terreo de xogo.
Sorte, Damián!