O RC Celta xa dispón da peza que completa o seu centro do campo. A medular celeste recibe calidade, percorrido e forza coa chegada de Ilaix Moriba, cedido, con opción de compra, polo RB Leipzig ata final de tempada.
O mozo xogador guineano, de 21 anos de idade, volve a LaLiga, competición na que irrompeu de maneira espectacular co FC Barcelona cando acababa de cumprir 18 anos. O seu rendemento e potencial nos seus primeiros pasos en Primeira División propiciaron a súa chegada ao RB Leipzig, club ao que pertence na actualidade.
A súa experiencia en LaLiga foi crecendo a través de cesións en Valencia e Xetafe, que lle permitiron alcanzar os 66 partidos en Primeira División, cun gol e sete asistencias. Por outra banda, o centrocampista é internacional coa Selección de Guinea, combinado co que disputou 23 partidos. Aterra en Vigo tras representar ao seu país nos Xogos Olímpicos, unha competición á que Guinea accedeu por segunda vez na súa historia grazas a un gol de Ilaix ante Indonesia. En París, o centrocampista celeste disputou tres encontros coa súa selección, o último fai menos dunha semana ante Estados Unidos.
Ilaix Moriba chega ao RC Celta cargado de ilusión para achegar a súa gran calidade e fortaleza física.
Benvido, Ilaix!