
O Celta empatou ante o Académico de Viseu (2-2) no seu terceiro compromiso da pretempada. Nun amigable cun formato pouco habitual, de 120 minutos de xogo, os celestes adiantáronse en dúas ocasións grazas aos goles de Hugo González e Ferran Jutglà, pero o conxunto portugués conseguiu igualar o marcador antes do asubío final.
Os de Claudio Giráldez arrancaron con bo ritmo e atoparon axiña o premio. No minuto 8, unha boa acción pola banda esquerda de Jones El-Abdellaoui rematou cun rexeitamento dentro da área que aproveitou Hugo González para recortar con calma, definir con acerto e abrir o marcador. En liñas xerais, a primeira metade foi de dominio celeste, levando a iniciativa co balón e xerando varias ocasións de perigo, aínda que sen conseguir ampliar a vantaxe antes do descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o encontro cambiou coas numerosas rotacións propias dun amigable de pretempada. O Académico de Viseu deu un paso adiante e logrou o empate cun disparo desde a frontal, pero a reacción celeste non tardou en chegar. Jutglà provocou un penalti e transformou a pena máxima para devolverlle a vantaxe ao Celta. Porén, cando o partido entraba na súa recta final, o conxunto portugués tamén acertou desde os once metros para establecer o definitivo 2-2 nun duelo que se prolongou ata os 120 minutos.
Con este empate, o Celta continúa acumulando minutos e boas sensacións antes do inicio da competición oficial. O seguinte compromiso levará ao equipo a terras italianas, onde continuará coa súa posta a punto nun novo amigable ante o US Sassuolo dentro da xira de pretempada.
FICHA TÉCNICA:
2 – Celta: Radu; Javi Rodríguez (Carlos Domínguez, min 30), Yoel Lago, Marcos Alonso; Álvaro, Miguel Román, Febas, Carreira; Jones, Hugo González y Swedberg. En la segunda mitad: Iván Villar (Coke, min 90), Carlos Domínguez (Starfelt, min 90), Javi Rueda, Burcio, Joel López, Vecino, Ilaix, Aspas (Óscar Marcos, min 106), Hugo Álvarez, Jutglà, Ángel Arcos, Starfelt e Óscar Marcos.
2 – Académico de Viseu: Ewerton; Robinho, Rubén, Predinho, Milioransa; Nils, Simón Silva, Mestanza, Cardoso, Gohi; y André Clovis. También jugaron: Matheus, Michelis, Joao Guilherme, Ceitil, Domingos, Correia, Messenguem, Zamora, Ferreira, Steczyk, Costa, Tomás Silva e Luis Silva.
Goles: 1-0, min 8: Hugo González; 1-1, min 88: Messenguem; 2-1, m. 104, Jutglà de penalti; 2-2, min 115: Messenguem de penalti.
Árbitro: Pastoriza Iglesias (comité gallego). Amonestou a Starfelt por parte do Celta, e a Rubén por parte do Viseu.
Incidencias: Terceiro partido amigable da pretempada 26/27 do Celta disputado na Cidade Deportiva Afouteza.