Fer López foi recoñecido por primeira vez co premio MVP Estrella Galicia do mes de febreiro, galardón que o distingue como o mellor xogador do RC Celta durante o último mes. A afección celeste foi a encargada de elixilo mediante votación, na que se impuxo aos seus compañeiros Pablo Durán e Iago Aspas, consolidando así o seu gran momento de forma.
“Quero agradecer á afección porque o seu apoio é espectacular“, expresou Fer tras recibir o premio, mostrando a súa gratitude cara ao celtismo. Ademais, quixo resaltar o valor do esforzo colectivo, recoñecendo a importancia do apoio dos seus compañeiros e do corpo técnico, tanto do primeiro equipo como do filial, que “axudáronme a ser a persoa que son hoxe en día“.
Desde o seu debut en LaLiga o pasado decembro ante o Mallorca FC, o xogador vigués suma xa sete partidos co primeiro equipo, logrando mesmo dúas titularidades consecutivas. Consciente da esixencia da competición, recoñece que “nótase moito o cambio, pero cada vez estoume facendo máis ao ritmo de Primeira División“.
Febreiro foi un mes moi positivo para o RC Celta, con momentos épicos como a remontada ante o Real Betis en Abanca Balaídos. Un encontro no que o media punta, tras saltar ao terreo de xogo na segunda parte, foi determinante na reacción celeste. “Díxenlle a Williot antes de entrar ao campo que a iamos a lear e, por sorte, así foi“, lembra. Por suposto, o idilio coa afección foi clave, “cando Fran meteu o primeiro e a afección envorcouse connosco, tiña clarísimo que iamos remontar“.
Por outra banda, febreiro foi un mes no que toda a familia celeste tivo que dicir adeus á Bancada de Gol. Un momento moi emotivo do que Fer recoñece que “foi moi bonito poder despedirnos desa bancada histórica cunha vitoria”.
Agora o RC Celta afronta un mes de marzo moi ilusionante no que esperan manter a boa dinámica, “teño plena confianza no equipo“, afirma consciente de que poderán plantarlle cara a calquera rival.
Por último, o mozo canteirán destaca o importantísimo papel que xoga o celtismo en cada partido mesmo lonxe de Abanca Balaídos, “noutros estadios escóitase moitísimo á afección celeste e é algo do que te sentes moi orgulloso“.
Sen dúbida, Fer López atópase nun moi bo momento deportivo, demostrando o seu talento cada vez que salta ao terreo de xogo e facendo gozar a todos os que temos a fortuna de velo cumprir o soño da súa vida cada fin de semana.
Parabéns, Fer!