O RC Celta continúa afianzando o seu proxecto con xogadores da casa; futbolistas que foron crecendo e madurando persoal e profesionalmente dentro da Madroa e Afouteza; canteiráns que representan e cren nos valores do club: Miguel Rodríguez selou esta tarde a súa continuidade outros cinco anos no Real Club Celta, equipo ao que chegou cando apenas tiña 10 anos de idade. O dianteiro será céltico ata 2028 e desta maneira o club garante a presenza no proxecto celeste dun xogador cunha enorme proxección e un espléndido futuro.
O ariete redondelán vén de realizar un brillante traballo durante as últimas tres tempadas no Celta Fortuna. No filial disputou 71 encontros nos que anotou ata 20 tantos. “Estou moi contento, ante unha gran oportunidade”, comentou Miguel, quen destacou que “levo aquí toda a miña vida e sinto que estou na miña casa”.