
Os de Claudio Giráldez lograron a súa primeira vitoria no Riyadh Air Metropolitano tras impoñerse ao Atlético de Madrid pola mínima (0-1) nun encontro traballado, serio e con aroma europeo. Un gol de Borja Iglesias, a seguridade de Andrei Radu baixo paus e o esforzo colectivo de todo o equipo permitiron aos celestes saír da capital con tres puntos de ouro que consolidan ao equipo na sexta praza e manteñen viva a ilusión de volver a Europa.
O partido arrincou cun Atlético decidido a levar o peso do xogo, empurrado pola súa afección e tratando de dominar desde a posesión. O Celta, paciente e ordenado, soubo aguantar as primeiras acometidas rojiblancas sen perder a calma. Lookman tivo unha das ocasións máis claras da primeira parte, mentres Radu comezou a facerse grande con intervencións seguras e moita personalidade. Os vigueses, sólidos atrás e moi atentos nas axudas defensivas, foron medrando pouco a pouco co paso dos minutos, atopando osíxeno nas conducións de Ilaix e no criterio de Fer López.
Tras o descanso, o encontro mantivo o mesmo pulso. O Atlético buscou acelerar o ritmo, pero o Celta seguiu mostrando unha versión madura e competitiva, sen perder nunca a orde. E entón apareceu o golpe celeste. Nunha recuperación que abriu espazo ao contragolpe, Williot Swedberg filtrou un gran balón para Borja Iglesias, que definiu cunha vaselina chea de calma ante Oblak.
A partir do gol, o equipo soubo resistir con oficio. Os de Cholo apertaron na busca do empate, pero atopáronse cun Celta firme e moi comprometido en defensa. Radu volveu aparecer cando fixo falta e a zaga celeste sostivo o resultado con concentración ata o asubío final.
Unha tarde para o recordo para todo o equipo, pero sobre todo para Williot Swedberg, por chegar aos 100 partidos co Celta, e para Iago Aspas, que alcanzou os 400 partidos en Primeira División coa elástica celeste, agrandando aínda máis a súa lenda no club e en LaLiga.
O triunfo confirma o espertar do equipo tras a vitoria fronte ao Elxe en Abanca Balaídos e permite mirar ao tramo final do campionato con ilusións renovadas. O próximo compromiso será este martes 12 de maio na casa, no penúltimo encontro do curso no templo celeste, onde o Celta recibirá á UD Levante co obxectivo de seguir sumando.
FICHA TÉCNICA:
0 – Atlético de Madrid: Jan Oblak; Marc Pubill, Jose Gimenez (Robin Le Normand, min.20), David Hancko, Matteo Ruggeri; Marcos Llorente, Koke, Alejandro Baena (Obed Vargas, min.69), Ademola Lookman (Nahuel Molina, min.60); Antoine Griezmann (Thiago Almada, min.61) e Alexander Sorloth.
1 – Celta: Radu; Javi Rodríguez, Yoel Lago, Marcos Alonso; Álvaro Núñez (Sergio Carreira, min.68), Fer López, Ilaix Moriba, Óscar Mingueza (Mihailo Ristic, min.89), Pablo Durán (Iago Aspas, min.68), Williot Swedberg (Hugo Álvarez, min.77) e Borja Iglesias (Ferran Jutgla, min.68).
Goles: 0-1, min.62: Borja Iglesias.
Árbitro: Iosu Galech. Amonestou a Alejandro Baena (min.66) por parte do Atlético de Madrid e a Ilaix Moriba (min.19) e Fer Lopez (min.77) por parte do Celta.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 35 de LaLiga EA Sports disputado no Riyadh Air Metropolitano ante 52.643 espectadores.