web cro
Primeiro Equipo

O Celta gañou con claridade ao Villarreal en Abanca Balaídos (3-0)

RC Celta

O RC Celta celebra unha nova vitoria en casa ao impoñerse con claridade ao Villarreal grazas a tres goles con selo de canteira.

O partido comezou con moita intensidade, como era previsible, ante un rival da parte alta da táboa, o que prometía que sería un encontro de moita tensión. Comezaba dominando o “submarino amarelo” con tímidas chegadas celestes á portería rival, destacando o tiro directo de Marcos Alonso desde a banda que por un momento deixou sen respiración a toda a bancada. Pero, sen dúbida, sería a vermella directa a Bailly, no minuto 36, o que inclinaría a balanza a favor dos celestes. O central marfileño derrubou a Alfon cando practicamente encaraba só cara á portería, o que deixou ao Villarreal con 10 xogadores durante máis da metade do partido. Desde ese momento, os pupilos de Claudio Giráldez fixéronse donos do balón e da posesión, e pouco tardaron en atopar os espazos para concretar o seu dominio.

Ao fío do descanso, Fer López anotaba o que sería o seu primeiro gol en casa tras unha xogada que iniciaba Óscar Mingueza, centrando o balón para Alfon, quen decidía cambiar de orientación e cederllo ao canteirán vigués para que anotase a pracer desde a outra banda. Abría a lata o Celta que aínda puido irse aos vestiarios cunha vantaxe máis ampla grazas ás ocasións de Hugo Álvarez e Alfon que obrigaron a intervir ao gardameta rival, Júnior.

Na segunda metade, o Villarreal tentou reaccionar con diferentes cambios ofensivos, pero o conxunto de Claudio Giráldez mantivo o seu plan e non permitiu que os de Marcelino creasen demasiado perigo. No minuto 53, Borja Iglesias aproveitaba o rexeite dun potente tiro ao pau de Ilaix para facer o 2-0, coando o balón entre as pernas do porteiro e desatando a euforia no feudo celeste. Un tanto que parecía definitivo pero o final desta historia aínda non estaba escrito. Iago Aspas pecharía a conta, no minuto 87, anotando un penalti a favor do Celta, tras unha falta cometida sobre Ilaix Moriba dentro da área.

Desta maneira chegaba ao seu fin o encontro desta xornada intersemanal de Laliga EA Sport que non foi impedimento para que Abanca Balaídos colgase o cartel de entradas esgotadas e máis de 19.000 persoas gozasen dunha nova vitoria celeste coa que o equipo suma tres novos puntos para seguir soñando. A seguinte cita no calendario fará parada no estadio Santiago Bernabéu o vindeiro domingo, 4 de maio ás 14:00 horas, onde o RC Celta enfrontarase ao Real Madrid.

FICHA TÉCNICA:

3 – RC Celta: Vicente Guaita; Yoel Lago (Javi Rodríguez, min. 74), Carlos Domínguez, Marcos Alonso; Óscar Mingueza, Damián, Fran Beltrán (Ilaix Moriba, min. 46), Hugo Álvarez (Sergio Carreira, min. 54); Fer López (Iker Losada, min. 74), Alfon e Borja Iglesias (Iago Aspas, min. 66).

0 – Villarreal CF: Luiz Junior; Kiko Femenía (Pau Navarro, min. 74), Kambwala, Bailly, Pedraza; Yeremy Pino (Costa, min. 39), Gueye, Santi Comesaña (Parejo, min. 64), Denis Suárez (Buchanan, min. 64); Thierno Barry (Ayoze, min. 64) e Pepe.

Goles: 1-0, min. 44: Fer López. 2-0, min. 53: Borja Iglesias. 3-0, min. 87: Iago Aspas (p).

Árbitro: Alberola Rojas (Comité Castelán-Manchego). Expulsou ao xogador do Villarreal Bailly con vermella directa (min. 36). Amoestou a Fran Beltrán (min. 45) e a Hugo Álvarez (min. 47) por parte do RC Celta, e a Pepe (min. 84) por parte do Villarreal CF.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 33 de LaLiga EA Sports disputado no estadio de Abanca Balaídos ante 19.324 espectadores. Nos prolegómenos do encontro gardouse un minuto de silencio en memoria do Papa Francisco.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas