WhatsApp Image 2026-08-08 at 22.37.04
Novas primeiro equipo

O Celta remata a súa preparación invicto tras empatar ante o Napoli

RC Celta

O Celta pechou o seu stage en Italia cun empate ante o SSC Napoli en Castel di Sangro. No último amigable da pretempada, o tanto de Ferran Jutglà na segunda metade permitiu aos celestes rescatar unhas táboas de mérito ante un dos grandes da Serie A ás portas do estreo ligueiro.

O conxunto de Claudio Giráldez atopouse cun rival intenso desde o asubío inicial. O Napoli levou o peso do xogo nos primeiros compases e adiantouse no minuto 11, cando Di Lorenzo rematou de cabeza un centro medido de Politano para facer o 1-0. Os italianos seguiron xerando perigo con chegadas de Alisson Santos e un remate ao traveseiro do propio Di Lorenzo, mentres o Celta trataba de asentarse ante un rival que apertaba arriba.

Tras o paso polos vestiarios, o partido cambiou de cara. O Celta foi medrando co paso dos minutos e atopou o premio no 65. Un erro na saída de balón do Napoli deixou o esférico nos pés de Ferran Jutglà, que non perdoou ante Meret para asinar o 1-1. A partir de aí, os celestes gañaron presenza en campo rival e o marcador xa non se moveu ata o asubío final.

Con este empate, o Celta pecha unha preparación estival sen coñecer a derrota, na que empatou ante o SC Braga (2-2), venceu o Sporting de Gijón (1-0), igualou co Académico de Viseu (2-2) e se impuxo ao US Sassuolo (1-4) antes de asinar estas táboas ante o SSC Napoli (1-1).

Agora, os de Claudio Giráldez poñen o foco no inicio de LaLiga EA Sports, que chegará o vindeiro domingo 16 de agosto ás 21:30 horas en Abanca Balaídos ante o CA Osasuna, no arranque da décimo quinta tempada consecutiva do conxunto celeste en Primeira División.

FICHA TÉCNICA:

1 – SSC Napoli: Milinković-Savić; Di Lorenzo, Rrahmani, Rafa Marín, Olivera; Anguissa, Lobotka, McTominay; Politano, Højlund e Alisson Santos. Tamén participaron Meret, Vergara, Spinazzola, Marianucci, De Bruyne, Lucca, Lang, Gilmour, Giovane, Mazzocchi, Obaretin e Garofalo.

1 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez (Yoel Lago, min. 46; Anxo Rodríguez, min. 75), Abdoulaye Faye (Hugo González, min. 63), Carl Starfelt; Andrés Antañón (Marcos Alonso, min. 63), Aleix Febas (Miguel Román, min. 71), Hugo Burcio, Álvaro Núñez (Sergio Carreira, min. 75); Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 71), Jones El-Abdellaoui (Javi Rueda, min. 46) e Ferran Jutglà (Iago Aspas, min. 71).

Goles: 1-0, min. 11: Di Lorenzo; 1-1, min. 65: Ferran Jutglà.

Árbitro: Valerio Vogliacco (sección de Bari). Amosou tarxeta amarela a Carl Starfelt (min. 19) e Hugo Burcio (min. 44) por parte do RC Celta e a Mathias Olivera (min. 38) por parte do SSC Napoli.

Incidencias: Último encontro amigable de pretempada 26/27 disputado no Estadio Teofilo Patini de Castel di Sangro.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas