Primeiro Equipo

O Celta volve atopar a vitoria en terras andaluzas

RC Celta

SEV-CEL_13-14_0-1.jpg

Os celestes, superiores, aproveitaron un erro do porteiro para vencer ao Sevilla (0-1)

 

O Celta volveu atoparse coa vitoria en terras andaluzas. Os de Luís Enrique asinaron un moi bo partido, con clara proxección ofensiva e un traballo defensivo serio e rigoroso. O Sevilla roldou por momentos a área céltica, pero practicamente sen chegar a finalizar as súas ofensivas. Un erro do porteiro Beto, que serviu o gol en bandexa a Álex López, decantou o partido para o equipo galego.

 

Desde o asubío inicial os celestes foron a por o partido con gran determinación. O Celta quería ter o balón e apostaba por un xogo marcadamente ofensivo. No primeiros quince minutos os vigueses deron a sensación de que podían facer dano cun gol temperán. Augusto e Charles puideron adiantar no marcador ao cadro olívico.

 

O Sevilla tardou en chegar ao partido, pero cando o fixo inquietou ao bordo da área celeste. O bo facer da defensa céltica, moi acertada no día de hoxe, e a incapacidade dos sevillistas para finalizar as súas ofensivas, evitaban que Yoel tivese que intervir en exceso.

 

Mediado o primeiro tempo o mozo Santi Mina gozou dunha gran ocasión. Augusto deixoulle só na área cun gran toque de primeiras. O canteirán, cun gran xesto, acomodou o esférico e disparou a porta, coa mala fortuna de toparse co poste dereito. O Celta volveu instalarse en terreo rival e o marcador podería inclinarse ao seu favor se o colexiado acertase a ver un penalti sobre Augusto no minuto 30. O arxentino pelexou un balón co porteiro sevillista, Beto, quen realizou un claro agarrón sobre o centrocampista de Pergamino.

 

O primeiro tempo chego ao seu fin tras unha boa combinación dos de Luís Enrique. Toni asistiu a Nolito no flanco esquerdo da área local. O andaluz, tras controlar o balón con gran calidade, serviulla en bandexa a Santi Mina, que disparou con decisión. O esférico rebotó na defensa andaluza.

 

A escuadra de Nervión saíu con forzas renovadas na segunda parte, pero un erro garrafal de Beto caeu como xerro de auga fría no Sánchez Pizjuán. O porteiro sevillista cedeu o balón a Álex López, que totalmente só non tivo máis que amagar ante o cancerbeiro e enviala ao fondo da rede. Ao Celta chegáballe un premio máis que merecido, aínda que non da forma esperada.

 

O Celta mantiña a súa boa actuación, aínda que xa non se achegaba con tanta claridade á área rival. O Sevilla pola súa banda non cambiaba o guión. Chegaba pero non inquietaba, sobre todo grazas ao gran traballo da defensa celeste. No minuto 62 os andaluces tiveron a súa maior oportunidade para empatar. Mbia cabeceou ao traveseiro e no rexeite Vitolo rematou a porta. Yoel apareceu para realizar unha parada de balonmán co pé.

 

O partido foi perdendo ritmo paulatinamente, sobre todo tras a marcha de Gameiro que, lesionado, deixou ao seu equipo con dez futbolistas sobre o terreo de xogo, xa que o Sevilla realizara todos os seus cambios.

 

Importante vitoria do Celta, que regresa unha vez máis de terras andaluzas co tres puntos e con moi boas sensacións. O vindeiro sábado será a quenda de buscar a vitoria en Balaídos, ante o Rayo Vallecano.

 

FICHA TÉCNICA

 

0-SEVILLA FC: Beto, Diogo, Carriço, Pareja, Alberto, MBia (Trochowski, min.72), Rakitic, Machin, Jairo (Perotti, min.58), Bacca (Cristóforo, min.45) e Gameiro

 

1-RC CELTA: Yoel, Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Jonny, Oubiňa, Álex López (Orellana, min.82), Augusto, Nolito (Vila, min.92), Santi Mina (Rafinha, min.64) e Charles

 

Goles: Álex López, 0-1 (min.47)

 

Árbitro: Martínez Munuera, do comité valencián. Amonestou a Mbia, Diogo e Toni

 

Campo: Sánchez Pizjuán

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas