ESCUDO-1300x400-01
Primeiro Equipo

O longueiro impide a recompensa ao traballo, esforzo e dominio celeste ante o Cádiz (1-2)

RC Celta

Os vigueses arrincaron o partido con forza e moito dinamismo. Apenas pasaran catro minutos no cronómetro cando os de Coudet ganduxaron unha gran xogada, finalizada por Cervi cun potente disparo que se marchou por encima do traveseiro por moi pouco. Non chegaban novas ocasións para o RC Celta e o Cádiz aproveitouno para gañar terreo.

O cadro rival atesourou un puñado de achegamentos perigosos, pero foi cando o Celta mostrábase máis superior cando logrou bater a portaría celeste. Choco Lozano cabeceou un gran centro desde banda esquerda ante o que Dituro pouco ou nada puido facer.

Cando os de Coudet tentaban recomporse do revés, Lozano caeu na área olívica e o colexiado sinalou a pena máxima. A fortuna non se aliou co RC Celta. Dituro detivo o lanzamento de penalti, pero no rexeite Espino adiantouse á defensa céltica para anotar o segundo gol gaditano. O descanso chegou co equipo vigués envorcado en ataque e cun paradón de Ledesma co que evitou que o capitán Hugo Mallo recortase distancias no marcador.

Coudet moveu o banco no descanso e deu entrada a Nolito, Galhardo e Brais Méndez en substitución de Fontán, Cervi e Denis Suárez. O RC Celta recuperou sensacións e comezou a crecer ante un Cádiz conservador e pechado atrás. O esforzo e traballo dos celestes terminou por atopar premio en botas de Santi Mina. O galego recolleu o rexeite de Ledesma ante un disparo de socato de Aspas e, con contundencia, enviou o balón ao fondo da portaría rival. Corría o minuto 64.

O gol deu ás ao conxunto galego. Santi Mina rematou todo canto podía, mesmo co xeonllo. O equipo entregouse ao máximo, cunha intensidade tremenda en ataque, atosigando continuamente a un Cádiz que resistía como podía. Xa no tempo de desconto, Iago Aspas e Murillo enviaron senllos remates de cabeza ao traveseiro. Definitivamente, o balón non quería entrar.

 

FICHA TÉCNICA

1 – RC CELTA: Dituro, Hugo Mallo, Murillo, Fontán (Nolito, min.46), Galán, Tapia, Solari, Denis Suárez (Brais Méndez, min.46), Cervi (Galhardo, min.46), Iago Aspas, Santi Mina.

2 – CÁDIZ CF: Ledesma, Iza, Chust, Haroyan, Espino, Alarcón, Fali (Jonsson, min.72), Salvi, Bastida (Álex, min.72), ‘Choco’ Lozano (Arzamendia, min.55), Sobrino (Osmajic, min.72).

Goles: Lozano (0-1, min.37), Espino (0-2, min.43), Santi Mina (1-2, min.64).

Árbitro: Díaz de Mera, do comité castelán-manchego. Amonestou a Galhardo, Tapia, Brais Méndez (RC Celta); Rubén Sobrino, Haroyan, Alarcón (Cádiz CF).

Campo: Abanca Balaídos (6.750 espectadores).

Observaciones: antes do partido rendeuse homenaxe aos galegos Susana Rodríguez (medalla de ouro en tríatlon paralímpico), Celso Comesaña (guía de Susana Rodríguez) e Agustín Alejos (diploma paralímpico en baloncesto adaptado). Susana Rodríguez foi a encargada de realizar o saque de honra.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas