Novo fito celeste. O RC Celta xogou onte no Reale Area o seu partido número 2.000 en Primeira División, unha cifra que consolida ao club entre os grandes do fútbol español.
A vitoria ante a Real Sociedad non só foi un impulso para seguir soñando con Europa esta tempada, senón tamén o broche perfecto para celebrar este logro. Unha data especial, ademais, por coincidir co partido número 50 de Claudio Giráldez á fronte do primeiro equipo.
Con 59 tempadas na elite, que serán a redonda cifra de 60 o próximo curso, o RC Celta entra no selecto grupo de equipos con máis partidos na historia da Primeira División, sendo xa o oitavo club con máis encontros disputados na máxima categoría, só detrás de Athletic Club de Bilbao, FC Barcelona, Real Madrid, Valencia CF, Atlético de Madrid, RCD Espanyol, Sevilla FC, Real Sociedad e Real Betis Balompé.
Curiosamente, o partido número 1.000 tamén foi ante a Real Sociedad. Unha bonita coincidencia que une pasado e presente no momento máis ilusionante da tempada para club e celtismo e que xa forma parte desta historia centenaria que non deixa de crecer.