Iker Losada regresa onde todo comezou. O de Catoira volve ao RC Celta cedido polo Real Betis Balompié. A falta das probas médicas habituais, o dianteiro volverá defender o escudo celeste tan só un ano e medio despois da súa saída do club.
Un esperado regreso que marca unha nova etapa na súa traxectoria deportiva. Iker Losada será xogador do RC Celta ata o final da presente tempada. Formado en A Madroa onde chegou sendo apenas un neno, en categoría benjamín, o mozo canteirán sempre destacou pola súa gran polivalencia e capacidade asociativa. Unhas cualidades, polas que, sendo xogador do Celta Fortuna, chegou a xogar 4 partidos oficiais co primeiro equipo, marcando o seu primeiro gol en Laliga no seu debut na competición ante o Real Madrid en Abanca Balaídos con tan só 17 anos. Un gol que lle abría as portas da historia ao converterse no primeiro goleador do Celta nado no Século XXI.
Durante a súa etapa no filial celeste, o dianteiro acumulou un impresionante rexistro de 17 goles e 12 asistencias, un rendemento que non pasou desapercibido e que o levou a converterse en internacional coa Selección Española. Sempre comprometido, tanto no aspecto deportivo como no humano, Iker Losada converteuse en exemplo de entrega, de actitude e compañeirismo, fiel representante dos valores que enorgullecen ao RC Celta.
Con corazón e alma celeste, Iker Losada retorna á que sempre foi a súa casa para ilusión e alegría de toda a familia celtista. Unha incorporación que non só reforza ao plantel, senón que tamén destaca a importancia da canteira como principal piar para o proxecto deportivo do club.
Benvido, Iker!