
Óscar Mingueza foi incluído pola UEFA no once ideal da Europa League como lateral esquerdo, un recoñecemento ao rendemento asinado polo xogador celeste durante a competición continental.
O defensa catalán disputou once encontros europeos e superou os 700 minutos sobre o terreo de xogo, nunha traxectoria marcada pola súa polivalencia e continuidade. Ao longo do torneo actuou como carrilero por ambos os costados, alternou diferentes alturas sobre o campo e mesmo ocupou de xeito puntual posicións interiores, como no encontro fronte ao Lille. Ademais, deu unha asistencia durante a fase de grupos no partido ante o PAOK disputado en Abanca Balaídos.
O once ideal da Europa League complétano o Dibu Martínez, Víctor Gómez, Ginter, Morato, Eggestein, McGinn, Rogers, Antony, Buendía e Igor Jesus.
Óscar Mingueza toma deste xeito o relevo a Sergio Álvarez que, na anterior participación europea do conxunto celeste na tempada 2016/17, foi destacado como o mellor gardameta do torneo.
O Celta, que alcanzou os cuartos de final e situouse entre os oito mellores equipos da competición, tamén deixou a súa pegada no apartado ofensivo. A UEFA incluíu entre os dez mellores goles do campionato a volea de Jones El-Abdellaoui ante o Ludogorets e a incrible trivela de Fer López fronte ao Estrella Roja.