Chega o segundo reforzo da tempada para un RC Celta que acumula intensas sesións de traballo na súa primeira semana de pretemporada. Centrocampista ofensivo, internacional absoluto, de gran calidade e formidable golpeo de balón, con experiencia en LaLiga a pesar da súa mocidade e unha gran proxección: Óscar Rodríguez, procedente do Sevilla, incorpórase, cedido cunha opción de compra, ao grupo de Eduardo Coudet.
Óscar Rodríguez formouse nas categorías inferiores do Real Madrid, desde onde, tras unha cesión no Leganés, partiu cara a Sevilla. A súa última participación na Liga española foi co Xetafe, onde xogou os últimos seis meses de competición.
O novo centrocampista disputou xa un centenar de partidos en Primeira División, nos que anotou 13 goles e entregou 7 asistencias. Foi internacional en todas as categorías inferiores da Selección Española, desde a sub-16 até a absoluta.