Pablo Durán gaña o seu segundo premio Estrella Galicia de maneira consecutiva. O canteirán foi elixido polos afeccionados celestes como o mellor futbolista do RC Celta do mes de xaneiro tras impoñerse na fase final da votación a Ilaix Moriba e a Carl Starfelt.
“Moi contento polo recoñecemento da afección, oxalá sigamos nesta dinámica“, declarou Pablo ao recibir o premio, mostrando a súa gratitude cara ao celtismo por novamente demostrarlle o seu apoio. Sen dúbida o 2025 arrincou de maneira excepcional para o atacante de Tomiño que se atopa en pleno estado de forma e que deu moito de que falar ao longo do pasado mes.
O futbolista fixo balance dos seus primeiros meses en Primeira División destacando que “vivir isto nun equipo de elite como o RC Celta é algo único“. Mentres que, recoñece que “aínda teño moitísimo que aprender dos meus compañeiros“.
No partido ante o Deportivo Alavés, Pablo Durán vivía novamente un momento único en Laliga ao anotar o seu primeiro tanto a domicilio, un golazo importantísimo nun escenario como o estadio de Mendizorroza, que valería para empatar o encontro. “Marcar en casa é moi especial porque estás coa túa xente pero anotar fora foi tamén unha experiencia moi bonita“, destaca. En canto ao rendemento do equipo ao longo do mes de xaneiro, o dianteiro recoñece que “foi un mes moi bo para valorar, mellorar e seguir“. Mentres que, a remontada ante o Real Betis do pasado sábado, foi un impulso que fai que o equipo afronte a semana dunha maneira diferente “sendo conscientes de que somos capaces de darlle a volta a calquera situación“.
Por outra banda, Pablo Durán puxo en valor o feito de que 14 xogadores do primeiro equipo pasasen polo dinámica do filial celeste do mesmo xeito que o propio corpo técnico. Para o xogador “é de valorar que un club aposte tanto pola canteira porque lle demostra aos mozos da base que todo é posible” pero, destaca tamén a importancia doutros xogadores que “sen ser canteiráns sinten igualmente este escudo“.
Por último, o tomiñés non quixo perder a oportunidade de animar ao celtismo a que sigan apoiando ao equipo xa que é algo que valoran moito e recoñece que para eles os afeccionados “son o noso pulmón“.
Sen dúbida, Pablo Durán é un xogador incansable que demostra o seu talento cada vez que salta ao terreo de xogo e que agora o seu esforzo vese reforzado novamente polo apoio de toda a afección celeste.
Parabéns, Pablo!