O RC Celta volveu á senda da vitoria nunha tarde na que se aferrou á épica para lograr unha remontada memorable ante o Real Betis Balompié. O conxunto de Claudio Giráldez pasou da frustración á éxtase, asinando a súa primeira vitoria ligueira deste 2025 en Abanca Balaídos.
O encontro arrincou cun Celta un tanto esvaecido e sen respostas ante un Betis que aproveitaba esta debilidade para poñer en serios aprietos á defensa celeste. E terminaría lográndoo xa que, aos dez minutos de partido, Antony abriu o marcador cun golpeo desde dentro da área, e pouco despois, na prolongación dun córner, Llorente ampliaba a vantaxe verdibranca cun cabezazo que se ía directo ao segundo pau. Dobre xarra de auga fría en tan só vinte minutos de partido para os pupilos de Claudio Giráldez que trataban de conter o resultado á vez que buscar a maneira de conectarse ao partido e transformar o marcador.
Con todo, a historia deu un cambio radical na segunda metade. O RC Celta saltaba ao terreo de xogo con fame de vitoria e coas ideas máis claras. Claudio Giráldez axitou o once cos cambios e aos poucos os celestes fóronse facendo co dominio do partido. No minuto 62, Hugo Álvarez deixaríalle un doce agasallo no balcón da área a Fran Beltrán que sen pensalo dúas veces enviaríao directo ao fondo da rede, imparable para Adrián. Mentres que, tan só tres minutos máis tarde, Javi Rodríguez marcaba o tanto do empate e desataba unha auténtica tolemia nas bancadas de Abanca Balaídos.
Coas táboas novamente no marcador, o Real Betis apretaba mentres que o Celta contiña os envites deixándose a alma e a pel no campo. Pero, cando o partido parecía visto para sentenza, apareceu Williot Swedberg que, tras recibir unha medida asistencia de Sergio Carreira, empuxaba o balón ao fondo das mallas para, esta vez si, culminar unha remontada inesquecible.
Unha importante vitoria en casa que é un xute de enerxía moi necesario para o RC Celta que se enfrontará ao Atlético de Madrid o vindeiro sábado, 15 de febreiro, ás 18:30h. no Riyadh Air Metropolitano.
FICHA TÉCNICA:
3 – RC Celta: Vicente Guaita, Javi Rodríguez, Marcos Alonso, Carlos Domínguez, Óscar Mingueza (Sergio Carreira, min. 82), Hugo Sotelo (Jailson, min. 89), Fran Beltrán, Hugo Álvarez, Alfon (Fer López, min. 60), Iker Losada (Williot Swedberg, min. 60) e Pablo Durán (Borja Iglesias, min. 82).
2 – Real Betis: Adrián, Ortiz, Llorente, Natan, Perraud (Ricardo, min. 46), Marc Roca (Altimira, min. 58), Johnny, Antony (Lo Celso, min. 72), Isco, Jesús Rodríguez (Ez Abde, min. 72) e Bakambu (Vitor Roque, min. 58).
Goles: 0-1, min. 10: Antony. 0-2, min. 22: Llorente. 1-2, min. 63: Fran Beltrán. 2-2, min. 65: Javi Rodríguez. 3-2, min. 87: Williot Swedberg.
Árbitro: Busquets Ferrer (Comité Balear). Do RC Celta amoestou con tarxeta amarela a Marcos Alonso, Borja Iglesias e a Fran Beltrán. Mentres que do conxunto verdibranco foron amoestados Perraud, Isco, Antony, Llorente e Vitor Roque.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 23 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Abanca Balaídos ante 22.651 espectadores.