O xefe dos servizos médicos do RC Celta, Juan José García Cota, explicou esta tarde que o dianteiro celeste Santi Mina sufriu no partido de onte ante o Cádiz un traumatismo no ombreiro esquerdo cunha escordadura acromioclavicular, unha “lesión moi dolorosa”.
Indicou que a radiografía realizada “aparece limpa e non se aprecia nada”, pero precisou que “como o ombreiro está hoxe bastante inflamado farémoslle unha resonancia en 24-48 horas para descartar outras lesión”. García Cota afirmou que unha vez realizada esta proba determinarase o periodo aproximado de baixa.