
O Celta Fortuna enlazou a súa segunda vitoria consecutiva da pretemporada ao impoñerse por 0-1 ao Vizela, un triunfo que ademais lle permitiu conquistar o Troféu Grupo Atual e seguir acumulando boas sensacións na súa preparación.
Óscar Marcos foi o encargado de decidir o encontro. Ao bordo da media hora, o atacante de Vilaxoán aproveitou unha das mellores accións do primeiro tempo para asinar o único gol do partido e desequilibrar un duelo esixente ante un Vizela moito máis avanzado na súa posta a punto.
Tras o descanso, o carrusel habitual de cambios rebaixou o ritmo do partido, aínda que permitiu a Fredi Álvarez seguir repartindo minutos e dando continuidade ao traballo do grupo coa participación de varios xogadores en idade xuvenil cada vez máis asentados na dinámica do equipo.
En liñas xerais, o Celta Fortuna mostrou unha imaxe competitiva e cunha gran solidez defensiva o que reflicte que, aos poucos, as pezas comezan a encaixar. O vindeiro sábado poñerá xa o punto final á pretemporada cun dobre compromiso fronte ao Coruxo FC e a UD Ourense, antes de afrontar unha campaña histórica coa súa estrea en LaLiga Hypermotion.
FICHA TÉCNICA:
0 – FC Vizela: Gomis; Ramos, Hristov, Rocha, Godwin; Bamba, Neto, Pires, Matías; Thio e Manu Garrido.
1 – Celta Fortuna: Marcos González; Quique Ribes, Seyni Ndiaye, Pablo Meixús; Pablo Gavián, Mateo Sobral, Capde, Jan Oliveras; Óscar Marcos, Kibet e Álvaro Marín. Tamén xogaron: Germain Milla, Ángel Arcos, Bernard Somuah, Caio Barone, Noah Rodríguez, Raúl Chirveches, Diego López, Hugo López, David Sueiro, Ángel Davila e Jorge Pérez.
Gol: 0-1 (Min. 29) Óscar Marcos.
Incidencias: Cuarto amigable da pretemporada 26/27 do Celta Fortuna disputado no Estádio do Vizela.