O RC Celta, a través da Fundación Celta, xunto coa Fundación García Chillón Orlando inauguraron dúas escolas de fútbol en Senegal. Situadas nas rexións de Cap Skirring e Oussouye, é un proxecto mediante o cal o club reforza a súa presenza e compromiso internacional á vez que expande a súa filosofía máis aló das nosas fronteiras. As escolas, nas que se formarán uns 200 nenos de entre 5 e 16 anos, representan un esforzo para promover o desenvolvemento local naquelas zonas máis vulnerables.
A inauguración de ambos os espazos contou coa presenza de Germán Arteta, director da Fundación Celta; e Miguel Álvarez, conselleiro do RC Celta; que, xunto con membros da Fundación García Chillón Orlando, foron recibidos polas autoridades locais e puideron coñecer o lugar onde se desenvolverán os adestramentos. Este proxecto pretende brindar un espazo seguro no que os nenos e mozos poidan desenvolver as súas habilidades deportivas, do mesmo xeito que, transmitir os valores característicos da entidade celeste como o esforzo, a disciplina e o traballo. Por outra banda, mediante esta iniciativa preténdese xerar un impacto positivo na rexión ofrecendo oportunidades de formación aos mozos.
Con estas dúas academias se replica o modelo que tanto a Fundación Celta como a Fundación García Chillón Orlando teñen en marcha en países como a India e Perú. Escolas onde cada día adéstranse 240 nenos e nenas entre os que algúns deles teñen a posibilidade de facer estancias en Vigo para adestrar na Celta Academy.
O RC Celta, mediante a Fundación Celta, reafirma así o seu compromiso co deporte como ferramenta de transformación social co obxectivo de impulsar unha sociedade máis xusta e igualitaria apoiando aos colectivos máis vulnerables.