O canteirán César Fernández foi chamado novamente polas categorías inferiores da Selección Española. O futbolista do Xuvenil A foi convocado polo combinado sub-18 para uns adestramentos oficiais que se celebrarán na Ciudad del Fútbol de Las Rozas a próxima semana, do 24 ao 26 de xaneiro.
Será a terceira convocatoria de César con España sub-18 despois de ser citado con este combinado para disputar dous torneos a principios de tempada. Unha campaña na que o gardameta ourensán vén de proclamarse campión de inverno co Xuvenil A, ademais de acceder á seguinte rolda da Copa del Rey Juvenil despois de eliminar ao Deportivo en dezaseisavos de final.
Esta citación referenda o traballo e o esforzo do club e a Fundación na potenciación e mellora da canteira celeste, cuxa achega ás categorías inferiores da Selección Española é máis que notable.