CIERRE ESCUELAS NOTICIA DESTACADA 1300 X 400px
Escolas

Fin de curso das Escolas Fundación Celta 22-23

RC Celta

As ESCOLAS FUNDACIÓN CELTA puxeron fin ao curso 22-23 coa celebración de dous actos finais que fixeron as delicias tanto dos xogadores como dos seus pais e familiares. Nestes actos participaron xogadores das diferentes escolas que a FUNDACIÓN CELTA tivo en marcha durante o curso finalizado con sedes en  A MADROA, COIA, COLEXIO MARCOTE, COLEXIO O CASTRO, COLEXIO LOS SAUCES PONTEVEDRA, MOAÑA e CAMBADOS.

Por unha banda realizaron unha visita guiada ao estadio ABANCA BALAÍDOS onde puideron coñecer todas as zonas interiores onde os seus ídolos do primeiro equipo compiten cada fin de semana como locais na principal competición do futbol español: terreo de xogo, banquillos, túnel de vestiario, vestiarios, sala de prensa,…Por uns momentos puideron imaxinarse futuros xogadores nas diferentes estancias.

E doutra banda celebrouse a cerimonia de clausura curso 22-23 nas nosas instalacións principais da Madroa, ata alí chegaron todos os xogadores e familiares das diferentes sedes, reunindo máis de 150 xogadores. Puideron pasar unha tarde extraordinaria como moita diversión e sorpresas: campos de fútbol de diferentes dimensións, campos de tenis-pé, campos de tenis con pas, diferentes xogos de técnica e habilidade co balón, zona de tiro con lona de precisión, xogos de mesa… E unha área de atraccións con diferentes inchables e un jumper onde os xogadores gozaron ao grande. E cun servizo de xeados e cachorros para recuperar enerxías durante a tarde. Á cerimonia de clausura púxose fin cunha divertida festa da escuma onde tanto xogadores como pais pasaron un momento divertidísimo. Por último cada xogador recibiu un diploma conmemorativo do curso e un detalle de agasallo, e os máis afortunados con algún agasallo extra dos numerosos premios que se sortearon. Todos xuntos puxeron fin ao acto cunha foto de familia para o recordo e cantando o himno do RC Celta.

Actos finais de convivencia entre xogadores, familiares e adestradores que serven para identificarnos un pouco máis coa filosofía das ESCOLAS FUNDACIÓN CELTA, onde ademais da aprendizaxe deportiva dáselle moito valor a outras aprendizaxes que os xogadores deben ir adquirindo co seu crecemento: comportamento, alimentación, coidado do corpo, formación académica…

E como isto non para, xa temos en marcha as inscricións para o novo curso 23-24: podes consultar toda a información e realizar inscrición na seguinte ligazón https://rccelta.es/mais-celta/escolas-nacionais/. Lembra que nas nosas sedes de Vigo temos a opción de poder inscribirnos coa opción de competición federada para poder xogar cada fin de semana. As prazas son limitadas polo que é recomendable inscribirse canto antes, xa que se irán aceptando por orde de inscrición.

Desde a FUNDACIÓN CELTA queremos agradecer a confianza, compromiso e colaboración mostrada durante todo o curso tanto polos xogadores como polos pais e familiares, vémonos o próximo curso!

RC Celta

Etiquetas

Escolas Fundación Hemeroteca fundación gl Novas fundación

Noticias recomendadas