Álex Abalde e Juan Diego Fernández, dous dos técnicos do equipo Fundación Celta Integra, finalizaron con éxito o ‘Máster de Formación Especializada en Fútbol e Discapacidade Intelectual’, unha acción formativa que foi organizada e desenvolvida de maneira conxunta pola Fundación LaLiga e a Universidade Autónoma de Madrid (UAM). Un grupo de profesionais, docentes e investigadores foron os encargados de elaborar o programa deste curso pioneiro no que participaron profesionais dos diferentes corpos técnicos dos clubs participantes en LaLiga Genuine Santander.
Esta formación, que combinou a aprendizaxe online con dúas sesións presenciais, ten como obxectivo fundamental a formación teórica e práctica dos técnicos que traballan con deportistas con discapacidade intelectual. Baseándose neste principio, os ensinos impartidos non se limitaron só ao aspecto puramente técnico ou físico relacionado co fútbol, senón que se consideraron, de forma importante, cada unha das facetas relacionadas co deportista DI.
En total foron 500 horas de curso repartidas en catro módulos e a entrega dun traballo de fin de máster co que se avaliaron os coñecementos adquiridos polos participantes.
A iniciativa da Fundación LaLiga supuxo un novo impulso para un dos proxectos máis ilusionantes do fútbol español. Ademais, o espírito desta acción alíñase coa filosofía formativa do RC Celta e a Fundación Celta, unha aposta continua polo desenvolvemento profesional e persoal dos seus traballadores. Este curso permitiu ampliar os coñecementos dos técnicos do Fundación Celta Integra e mellorar a súa especialización na área do fútbol DI, algo que sen dúbida repercutirá positivamente no proxecto e os xogadores participantes.