20230314_FundacionCelta_R_3
Fundación

R, patrocinador do equipo Fundación Celta Integra un ano máis

RC Celta

O director da Fundación Celta, Germán Arteta e o director de R, Alfredo Ramos, posaron esta mañá xunto a membros do equipo e do corpo técnico do conxunto Celta Integra no Salón Rexio da sede do R.C.Celta en Vigo, para pór en escena o novo acordo de patrocinio rubricado polo operador galego e a entidade olívica. Así, R volve patrocinar oficialmente o Celta Integra, que xoga en LaLiga Genuine, competición de equipos formados por persoas do colectivo D.I (con discapacidade intelectual) e organizada por LaLiga.
Arteta expresou na xuntanza o seu agradecemento a R pola súa “xenerosidade e apoio ao equipo Fundación Celta Integra. Esta colaboración axúdanos ano tras ano a mellorar as oportunidades do noso equipo e a súa calidade de vida, contribuíndo ao seu crecemento, progreso e mellora, ademais de ampliar a formación dos seus integrantes da man do fútbol, utilizando este deporte como ferramenta transversal para transmisión de valores. Asociarnos con R permítenos obter unha maior difusión e visibilidade do proxecto, algo fundamental á hora de seguir captando novos aliados. Podemos dicir que Celta Integra xa non só é un proxecto da Fundación senón que se transformou nunha realidade froito de todos quen nos axudan a seguir crecendo”.
Alfredo Ramos explicou que para R colaborar co Celta Integra “é unha das accións que nos fai sentir máis orgullo e satisfai como empresa, porque cremos que de verdade estamos contribuíndo, aínda que só sexa un pouco, á construción dunha sociedade máis solidaria e xusta. Aquí e agora podemos expresar, unha tempada máis, a nosa aposta compartida polo deporte, pola integración social e por valores tan importantes como a competencia sa ou os bos hábitos de vida. (…)
(…) E gústanos lembrar, ano tras ano, o de “compartir antes de competir”, algo que este equipo fantástico ten gravado a lume para darnos de xeito permanente leccións de vida. Por iso, ratificamos o noso apoio á Fundación Celta e a nosa amizade de sempre co club e apoiamos sen dubidalo tamén na tempada 2022-23 esta iniciativa marabillosa”.
R, co equipo nos partidos
O operador galego xa é patrocinador oficial do Celta Integra ata o final da presente tempada 2022-23 de LaLigaGenuine: o logo de R estará presente no equipamento deportivo dos/das xogadores/as e do corpo técnico e figurará igualmente na web do equipo Celta Integra. Ademais, os/as xogadores/as do club vigués disputarán un partido amistoso contra profesionais de R, entre outras accións incluídas no acordo.
Con este patrocinio, a Fundación Celta de Vigo e R poñen en común o interese de ambas as entidades por contribuír á mellora constante, o crecemento e a adaptación social do equipo e das persoas que o conforman. Do mesmo xeito, o operador galego mantén vixente neste acompañamento ao conxunto Celta Integra a súa inquietude pola colaboración social para contribuír á mellora de vida dos/das habitantes de Galicia a todos os niveis.
LaLiga Genuine: un lustro de fútbol integrador
O proxecto de LaLiga Genuine, que vincula fútbol e integración social, comezou a súa andaina da man de LaLiga hai cinco tempadas. Para que prime a deportividade na competición, onde participan conxuntos do colectivo D.I. (persoas con discapacidade intelectual), os clubs contan con puntos que premian o xogo limpo, ademais da puntuación polos resultados deportivos. O campionato xógase na modalidade de Fútbol 8 (partidos de 4 partes de 10 minutos cada unha) e a tempada divídese en 4 fases, que se desenvolven en diferentes sedes.

RC Celta

Etiquetas

Fundación

Noticias recomendadas