Hugo
Celta Fortuna

O CD Lugo castiga ao Celta Fortuna na última acción do partido (0-1)

RC Celta

O Celta Fortuna caeu pola mínima ante o CD Lugo nun encontro marcado polo dominio celeste na segunda metade e pola falta de acerto nos metros finais. Un resultado que non altera o gran obxectivo dos de Fredi Álvarez que continúan a un paso de certificar o segundo posto e disputar o play-off de ascenso a Segunda División.

Na primeira metade, o Fortuna buscou impoñer o seu ritmo desde a circulación e o criterio con balón, aínda que sen atopar continuidade no último terzo. Andrés Antañón liderou as aproximacións ofensivas dos celestes, mentres que Bernard Somuah e Hugo González protagonizaron as ocasións máis destacadas do filial antes do descanso. Pola súa banda, o CD Lugo mostrouse máis sólido e vertical.

Tras o paso por vestiarios, o Celta Fortuna deu un paso adiante e asumiu claramente o control do partido. O equipo de Fredi Álvarez elevou o ritmo, acumulou chegadas e encerrou por momentos ao rival no seu campo. Somuah avisou nos primeiros compases da continuación e Capde achegou profundidade desde a banda. Hugo González, moi incisivo durante toda a segunda metade, dispuxo de ata tres oportunidades claras, incluído un balón ao pau e unha acción cruzada que non atopou rematador por centímetros.

Co Fortuna completamente envorcado en busca do triunfo, o Lugo atopou o gol nunha acción illada xa no tempo engadido. Reniero culminou unha contra cunha vaselina que acabou decidindo o último derbi galego da tempada.

Pese ao resultado, o filial celeste mantén intactas as súas opcións e afronta a recta final dependendo de si mesmo para selar a segunda posición nunha tempada de sobresaliente. A última cita no calendario será ante o Barakaldo CF, o vindeiro sábado ás 18:30h., no Polideportivo de Lasesarre.

FICHA TÉCNICA:

0 – Celta Fortuna: Marcos González, Pablo Gavián, Quique Ribes (Ángel Arcos, min. 62), Pablo Meixús, Anxo Rodríguez, Joel López (Jan Oliveras, min. 72), Capde (Kibet, min. 81), Hugo Burcio, Hugo González, Andrés Antañón (Dela, min. 81), Bernard Somuah (Jorge Pérez, min. 72).
1 – CD Lugo: Marc Martínez, Yago Rodríguez (Gabriel Costa, min. 88), José Amo, Ibaider Garriz, Balcedo, Caballo, Kevin Presa (Txus Alba, min. 58), Balboa, Aday (Borja Sánchez, min. 73), Lago Júnior (Samanes, min. 58), Unzueta (Reniero, min. 73).
Gol: 0-1, min. 95: Reniero.
Árbitro: Pedro Oreiro Hermida (Colexio galego). Amoestou a Quique Ribes por parte do Celta Fortuna; mentres que, por parte do Lugo, recibiron amarela Kevin Presa e Samanes.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 37 de Primera Federación disputado en Abanca Balaídos ante 1253 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas