O filial asturián superou ao cadro vigués tras un primeiro tempo con opcións para ambos equipos (2-0)
Partido de ritmo alto e alternativas para ambos os equipos na primeira parte. Intensa presión do Celta B, que non tardou en inquietar a área rival tras unha gran xogada persoal de Yelko. Os locais non eran menos e demostraban a súa calidade con boas combinacións que lle achegaban á portaría defendida por Rubén Blanco.
No minuto 9 o colexiado anulou un gol ao xixonés Yacine por un dubidoso fóra de xogo. O Sporting parecía tomar as rendas do encontro, pero este era un partido de ida e volta. O filial celeste recobraba o protagonismo en botas de Yelko Pino, moi activo na parcela ofensiva. Os dous conxuntos mostraban o seu potencial pero ningún era capaz de materializar en dianas o seu bo facer. O acerto dos porteiros puña moi caro o gol.
Antes de chegar o descanso o cadro asturiano gozou dunha das mellores ocasións do encontro até o momento. Bo centro de Jony desde banda esquerda que Yacine cabeceou ao poste dereito da portaría celeste. E cando o primeiros corenta e cinco minutos chegaban ao seu fin o Sporting atopou o ansiado gol. Jony foise de Pablo Pérez en banda e puxo o balón na área celeste, onde Benito rematou coa punta da súa bota. O esférico entrou na portaría céltica tras tocar en Javi Rey.
Na segunda parte o Sporting B tomou o control do duelo. Yacine volveu cabecear un balón ao pau e Rubén Blanco realizou un par de grandes intervencións para evitar o segundo dos locais, pero o novo porteiro celeste pouco puido facer no minuto 66. Gran xogada persoal de Jony, que serviu a pelota a Pablo Pérez, quen rematou co interior ao segundo pau, onde Rubén non puido chegar.
O Celta B non lograba xerar perigo e viuse superado polo cadro sportinguista. Aínda por riba, no minuto 82 e sen máis cambios dispoñibles, Antón de Vicente tivo que retirarse por unha lesión no seu nocello esquerdo. Rubén Blanco, providencial para impedir o terceiro tanto local.
FICHA TÉCNICA
2-Sporting B: Dennis, Benito, Alain, Jorge Meré, Alberto, Zambrano, Rachid, Guiller (Mera, min.65), Pablo Pérez (Dani N’di, min.81), Jony e Yacine (Carlos Castro, min.70)
0-Celta B: Rubén, Pablo Pérez, Soto, Antón, Maceira, Borja Domínguez, Javi Rey, Yelko Pino (Borja Fernández, min.55), Marcos Torres (Aitor, min.55), Añón e Borja Iglesias
Goles: Benito, 1-0 (min.45); Pablo Pérez, 2-0 (min.66)
Árbitro: Villoria Linacero, do comité madrileño. Amonestou a Alain, Pablo Pérez, Soto e Borja Domínguez
Campo: Pérez Ortiz-Mareo