hortizontal celta b
Celta b

O Celta B empata ante o AD Alcorcón no primeiro encontro fóra da casa

RC Celta

O Celta B suma o seu primeiro punto fóra de casa ante a AD Alcorcón no Estadio Municipal de Santo Domingo. Os de Claudio Giráldez estrean o seu marcador como visitantes fronte a un dos rivais con maior potencial da categoría. Un empate 1-1 sumado grazas un gol de Iker Losada, as paradas de Coke Carrillo e un esforzo colectivo ao longo dos 90 minutos de xogo.

A primeira parte caracterizouse pola contenda entre a mocidade de Martín Conde, Yoel Lago ou Hugo Álvarez e a experiencia de Mosquera, Babin ou Javi Lara. Un duelo moi discutido no que ningún dos dous equipos lograba exceder con claridade os tres cuartos do campo. O partido axitouse cunha boa aparición do capitán celeste Iker Losada, quen conseguía adiantar ao filial cun disparo potente desde a frontal que poñía o 0 a 1 no luminoso. Apenas cinco minutos despois, Álvaro Bustos lograba o empate (1-1) e devolvía o choque ao momento de saída.

No arranque da segunda metade, tras os cambios de Hugo Álvarez e Carlos Beitia por Pablo Durán e Hugo Sotelo, o Celta B buscaba facerse cos tres puntos aportando velocidade, verticalidade e xogo aos espazos. A vitoria parecía estar de fronte cando os vigueses encararon os últimos minutos do partido cun máis sobre o campo tras a expulsión de Mosquera, pero non puideron dobregar a un Alcorcón que batalló con intensidade ata o final.

Sen dúbida, un punto de mérito para dar confianza a un novo proxecto celeste ilusionante.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Novas celta b

Noticias recomendadas