
O Celta Fortuna logrou a clasificación matemática para disputar o Play-off de ascenso a Segunda División por sétima vez na súa historia, a falta de tres xornadas para o final do campionato.
O conxunto dirixido por Fredi Álvarez asinou unha tempada espectacular, asentado nos postos altos da clasificación desde as primeiras xornadas e sumando ata a data un total de 61 puntos.
Este rendemento pon en valor o talento “Feito na Madroa”, cun equipo que competeu con carácter, traballo e afouteza ao longo de todo o curso. Unha tempada que estivo marcada tamén pola aceleración de procesos que permitiu a numerosos xogadores en idade xuvenil sumar moitos minutos no filial e que demostraron o crecemento progresivo e o aumento da competitividade en todas as categorías da Canteira.
Co obxectivo xa asegurado, o Celta Fortuna afronta agora o tramo final da tempada coa ilusión de disputar unha nova fase de ascenso e seguir facendo historia.
Orgullosos dos nosos!