
O Celta Fortuna arrincou un valioso empate de El Toralín no partido de ida da final do play-off de ascenso a Segunda División. No primeira final da súa historia, o filial celeste ofreceu unha actuación de gran madurez competitiva, sosténdose na orde defensiva, a disciplina táctica e unha xestión impecable dos tempos.
O conxunto de Fredi Álvarez resistiu o empuxe inicial da Ponferradina sen perder a calma, corrixiu con solvencia os intentos de xogo directo dos locais e foi crecendo ata atopar comodidade co balón. Sen xerar demasiadas ocasións, soubo controlar o ritmo do encontro durante boa parte da segunda metade e apenas concedeu opcións claras a un rival obrigado a asumir riscos.
Ante unha bancada visitante repleta de afeccionados celestes, o 0-0 deixa todo por decidir o vindeiro sábado en Abanca Balaídos. Con noventa minutos por diante para seguir soñando, o Celta Fortuna mantén intactas as súas opcións de alcanzar por primeira vez a Segunda División.
FICHA TÉCNICA:
0 – SD Ponferradina: Andrés Prieto; Koke (Jorrín, min. 75), Ger Nóvoa, Undabarrena, Andoni López; Calderón, San Emeterio (Mfulu, min. 90), Erik Morán (Cortés, min. 75), Borja Vázquez; Borja Valle e Keita (Slavy, min. 75).
0 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Quique Ribes, Pablo Meixús, Anxo Rodríguez; Germain Milla, Hugo Burcio, Andrés Antañón, Joel López (Pablo Gavián, min. 66); Hugo González (Dela, min. 88), Álvaro Marín (Bernard Somuah, min. 66) e Óscar Marcos (Ángel Arcos, min. 73).
Árbitro: Abraham Domínguez Cervantes (Comité andaluz). Por parte do Celta Fortuna, mostrou tarxeta amarela a Joel López e a Hugo Buercio. Mentres que da SD Ponferradina foron amoestados Nafti, Andoni López, Keita, Borja Vázquez e Borja Valle.
Incidencias: Partido de ida da final do play-off de ascenso a Segunda División disputado no estadio El Toralín ante 8062 espectadores.