A Cidade Deportiva Afouteza abriu as súas portas para recibir unha visita moi especial. Os nenos e nenas da área de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro puideron gozar en primeira persoa dun adestramento do primeiro equipo do RC Celta. Emocionados e nerviosos chegaban ás instalacións deportivas para vivir unha experiencia única. Acompañados pola presidenta do RC Celta, Marián Mouriño, e o director da Fundación Celta, Germán Arteta, os pequenos puideron observar como os xogadores traballan cada día para preparar os diferentes encontros da competición. Mentres, unha vez acabada a sesión, puideron saudar de preto a cada un dos xogadores e ao corpo técnico. Abrazos, fotos, autógrafos ou, mesmo, selfies para levar un inesquecible recordo dos seus ídolos.
Unha experiencia coa que o RC Celta, a través da Fundación Celta, mostra o seu compromiso coa sociedade apoiando aos nenos e nenas que están a pasar por un momento complicado. Para o club é todo un orgullo recibir a este grupo de valentes e debuxar un bonito sorriso nas súas caras coa que seguro afrontarán unha pronta recuperación.